O Delegado Territorial da Xunta clausurou o obradoiro de emprego do Concello Carballiñés
Un total de 24 desempregados do Concello do Carballiño, 23 mulleres e un home, recibiron esta mañá os diplomas que acreditan que remataron con éxito o obradoiro de emprego "Arenteiro IV". O acto desenvolveuse na casa do Concello do Carballiño, e estivo presidido polo Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martinez, acompañado polo Alcalde Carlos Montes e o 1º Tenente Alcalde, Manuel Amil. A Consellería de Traballo e Benestar aportou 503.222 euros ó desenvolvemento deste obradoiro de emprego, que tivo unha duración de 12 meses e que contou con tres módulos de especialidades, albanelería, carpinteiría e xardinería. Entre as actuacións que se levaron a cabo durante este tempo, atópanse as obras que realizaron nas piscinas municipais, a construcción de vestiarios no campo de fútbol da Uceira, o axardinamento da área recreativa dos Catro Camiños, a construcción dun muro no campo municipal de Espiñedo, e actuacións diversas no parque municipal do Carballiño. Durante o acto de clausura, o Delegado Territorial da Xunta, Rogelio Martinez, salientou que "este tipo de obradoiros supoñen unha importante ferramenta de formación para que os desempregados consigan acceder ó mercado laboral".