O BNG demanda a creación dun tren de cercanías entre as comarcas do Carballiño, O Ribeiro e Ourense
O Grupo municipal do BNG defenderá no próximo pleno que celebre a Corporción do Carballiño unha moción de apoio á proposta que os nacionalistas veñen de formalizar por medio do Senador Xosé Manuel Pérez Bouza, demandando a posta en marcha dun tren de próximidade entre as comarcas do Carballiño e o Ribeiro coa cidade de Ourense. Pérez Bouza e o portavoz do BNG no Concello Carballiñés, Manuel Amil, incidiron na necesidade de colaboración entre as distintas administracións, local, autonómica e estatal, para crear un servizo púlbico de transporte de viaxeiros como o que se prretende. Entende o BNG que o custe de creación desta liña de ferrocarril de cercanías non sería moi alto, xa que aproveitaría as vias e infraestructuras que logo quedarán en desuso, a partir do ano 2015 coa chegada do AVE. O novo servizo, comunicaría Ribadavia e O Carballiño con Ourense, onde completaría un percorrido con varias paradas, entre as que estarían a estación intermodal da Ponte, o campus universitario, a estación de San Francisco e o complexo hospitalario, e tería aínda continuidade atá a zona industrial de San Cibrao e O Pereiro. Na moción que o BNG trasladará á Corporación do Carballiño, solicítase o acordo plenario para instar, tanto ó Ministerio de Fomento como á Xunta de Galicia, para que poñan en marcha os mecanismos necesarios cara a creación e posta en marcha deste tren de cercanías. No Senado, o Bloque xa demandou do Ministerio de Fomento unha partida orzamentaria dun millón de euros con cargo ós orzamentos xerais do Estado de 2011 para iniciar o estudio informativo e de viabiliade deste proxecto.