A Xunta espera reunir entre 25 a 30 mil persoas na "Festa dos maiores", á que asistirá o Presidente Feijóo
Coa atención posta nas previsións meteorolóxicas, que avanzan unha melloria do tempo para o vindeiro sábado dia 12, o Xefe Territorial da Consellería de Traballo de Benestar, José Selas Souto, confirmou no programa "A Mañá de Cope O Carballiño" que xa están contratados 270 autocares, ós que haberá que sumar os vehículos particulares, para trasladar atá O Carballiño ós participantes á Festa dos Maiores. As previsións que manexa a dia de hoxe este departamento autonómico é que asistan a esta convocatoria entre as 25.000 e as 30.000 persoas, procedentes de toda a xeografía galega e incluso doutras comunidades autónomas limítrofes. Selas tamén adiantou a asistencia a esta festa do Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que estará no parque municipal carballiñés á unha menos cuarto da tarde. O programa para ese dia abriráse ás 10,30 da mañá coa chegada dos primeiros autocares, ás 12 ofrecerá un concerto a Banda Escola de Música do Carballiño, e as dúas da tarde terá lugar un acto institucional no que se lle fará entrega dun recordo conmemortivo ós centros sociais participantes. Un total de 33 postos de venda de polbo instalarán as súas caldeiras no parque carballiñés e varios postos de comida ofrecerán os seus servizos, mentres que un operativo integrado por 130 persoas, no que colabora activamente o Concello do Carballiño, cuidará da seguridade e da asistencia sanitaria para esta esta xornada.