"A Mañá de Cope" emite desde Carballedo un variado programa de radio
(Redacción. Rocío Campos) O programa que cada venres de verán emite Cope O Carballiño de forma itinerante, estivo esta semana adicado ó concello de Carballedo, na provincia de Lugo. Aínda que pertence a outra provincia é certo que Carballedo está intimamente ligado co concello de O Carballiño, tanto na súa raíz toponímica como na escasa media hora que separa a ambos núcleos de poboación. Os dous concellos fan honor ó seu nome, xa que están bañados de carballos e outra vexetación típica de Galicia. O concello ten a súa capitalidade municipal na localidade de A Barrela, e hoxe mesmo celebra a súa feira mensual. Ó longo de todo o programa tivemos a ocasión de falar con diferentes traballadores do concello, entre eles co seu alcalde Julio Yebra-Pimentel. O alcalde aseguraba que Carballedo é un pobo moi rural que conta con moitos núcleos de poboación e que en parte segue vivo gracias á colaboración de tódolos traballadores do concello. O medio rural galego está sufrindo unha gran recesión debido a que se concentra todo nas grandes cidades. Hoxe en día é moi difícil manter un concello con estas características onde desde o concello non se pode planificar, xa que sempre están pendentes doutras administracións. Dende o programa pide a colaboración cidadán, xa que o que "non se pode pretender é que o concello solucione todo". O polígono industrial que verá a luz unha vez que remate a autovía axudará ó asentamento da poboación que tanto necesita o pobo. Pero esto non parece algo inmediato, xa que as obras da autovía Ourense-Lugo quedaron paralizadas nos últimos días. Unha grave situación para o concello nesta época estival que demostra unha gran improvisación neste tipo de obras e que desta maneira teñen que buscar outras alternativas para o tramo dende A Grela-A Barrela, xa que afecta ó nexo de comunicación entre as comarcas de O Carballiño e O Ribeiro. Pero a paralización da obra non so afecta á comunicación entre as diferentes vilas, senón tamén perxudica ós ríos, á fauna e á flora.
Outro dos convidados ó programa foi Jesús Fernández Dorego, un artista de renome que viviu durante trinta e oito anos en Madrid, pero que voltou a súa terra xa que nunca se considerou da capital de España. Entre os traballos que realiza destaca a talla en pedra, madeira e colmillos de elefante. Jesús asegurou que nos 139 km2 cos que conta o concello podemos atopar unha importante mostra arquitectónica relixiosa e un dos primeiros testimonios do cristianismo en Galicia. Nunha pequena igrexa da parroquia de Temes achouse un sarcófago que data do s. IV. Jesús tamén nos falou do carballo máis lonxevo de Europa, o cal ten máis de 1500 anos de antigüidade, 34 metros de altura e que produce unha sombra de 630 m2.
Elvira Fernández González é unha das propietarias do Hotel Río Bubal, o cal se atopa na entrada de A Barrela indo dende O Carballiño. Podemos atopar un menú do máis variado, pero a súa especialidade céntrase na carne á brasa, o bacallao e os postres caseiros. O nome do hotel fai referencia o principal río que atravesa o concello, o río Bubal. Un río que ten moita soa polas boas troitas que leva, as cales non se poden comercializar.
Raquel Vázquez, educadora familiar, e Beatriz Ríos, informadora xuvenil, son as encargadas de realizar diversas actividades e de axudar ós máis cativos. Debido a gran extensión do concello, que conta cun total de 201 entidades locais, tenden a centralizar as actividades nun so núcleo de poboación, xa que doutra maneira tería un custo moi alto. O concello ofrece unha oferta cultural moi ampla dirixida ós máis cativos e ás persoas da terceira idade. Aínda que nos últimos cinco anos aumentou o índice de poboación, a maioría segue sendo envellecida. Debido á situación do concello, enclavado na Ribeira Sacra, existen diferentes rutas de sendeirismo propias para os meses de verán, así como tamén se poden visitar as moitas igrexas que rodean o concello. Pero a oferta cultural de verán para os máis ctivos comezou a finais de xuño cunha festa para os nenos e nenas, un campamento para nenos de entre 4 e 12 anos nas instalacións do polideportivo, diferentes espectáculos de maxia, circo e excursións á Ribeira Sacra, entre outras actividades. Raquel e Beatriz recordaban que existe unha oficina de información xuvenil para resolver dúbidas de calquera aspecto.
Jesús Sánchez, encargado de emprego local do concello, asentía que estamos nun concello onde a gandeiría ten un peso importante "onde se ven boas vacas, aínda que non tantas como antes". Existen explotacións con cerca de 200 vacas de tipo tradicional de rubia galega, mentres que as de raza de leite foron desaparecendo co paso do tempo. A xente xoven, polo xeral, non tende a implicarse nas explotacións agrarias familiares, pero si nas diferentes asociacións cooperativas que existen no concello. Pero non so a gandeiría é importante, senón que outros sectores productivos do concello son o forestal que atravesa unha profunda crise debido ó baixo nivel de corte e venta no monte, o sector servicios nos grandes núcleos de poboación como en Castro ou A Barrela, o pequeno comercio, a construcción e o sector do transporte. Dende o día 18 de agosto do ano 2009 existe un servicio de orientación laboral onde acude xente de toda a comarca de Chantada. Jesús ofrece servicios de asesoría, axuda ós emprendedores, ós desempregado e incluso axuda en tarefas como pode ser a realización dun curriculum vitae.
Unha xornada radiofónica que abarcou tódalas perspectivas de Carballedo, dende a xestión, pasando por turismo, gastronómica, historia e servizos. Unha localidade enclavada na Ribeira Sacra que alberga entre os seus límites xeográficos unha historia relixiosa, arquitectónica e paisaxística. Un pobo que recorre as primeiras pegadas do cristianismo e posúe a árbore máis lonxeva de Europa.