Maside prepárase para celebrar as súas festas na honra do San Vitorio
Maside celebra as súas festas do San Vitorio cun programa de tres días que se abrirá este venres. Pero desde o día 21 son moitas as actividades culturais que se veñen celebrando nesta vila, como a tradicional Festa do Cabalo. As actividades previstas para o mércores 25 corren a cargo da obra de teatro "A familia do Pindirico" que terá lugar ás 19:30 horas na Praza Julio Rodríguez Soto e a exhibición da película "Ace Age 3" ás 22:00 horas na Praza Maior. O xoves 26 remata a programación cultural de Maside 2010 coa actuación do monologuista "Avelino González " na Rúa Principal ás 21:30 horas e cunha sesión de fogos artificiais á medianoite. En caso de que o tempo non o permita as actividades trasladaranse ó Pavillón de Deportes e á Casa da Cultura. O venres 27 unha salva de bombas de palenque e un pasarrúas cunha banda de música anunciarán o inicio dos festexos á primeira hora da mañá. A misa cantada pola Coral A Torre e a procesión celebrarase ás 12:30 horas. As 20:30 da tarde a Banda de Gaitas de Maside ofrecerá un pasarrúas e desde as 22:00 horas as orquestras Montes e Combo serán as encargadas de amenizar a verbena. Á medianoite terá lugar unha sesión de fogos de artificio. O sábado 28 haberá misa cantada polo Coro Parroquial e procesión ás 12:30 e a partir das 22:00 horas verbena amenizada polas orquestras Lamas e Alcotán. Ás 24:00 horas interrumpirase a festa cunha sesión de fogos de artificio. O domingo 29 terá lugar unha festa campestre na Rañoa cun xantar que organiza a Comisión de Festas, con servizo de restaurante incluido onde a charanga "Castro Vello de Maside" se encargará de animar a tódolos asistentes ás 13:00 horas, na sobremesa a partir das 16:30 horas e pola noite cunha terceira actuación ás 23:30 horas. Pola noite,unha afamada orquestra encargarase de pechar os festexos de Maside. O domingo 5 está prevista unha carreira Popular en honra ás Festa do San Vitorio.