"A Mañá de Cope" emite desde Leiro o seu programa de radio con motivo da XXI edición da Festa da Vendima
(Redacción. Rocío Campos) Situado no corazón do Ribeiro, a tan so 10 km do Carballiño e de Ribadavia atópase o concello de Leiro e ata alí trasladáronse os micrófonos da Cope con motivo da XXI edición da Festa da Vendima que se celebra o vindeiro domingo 29 de agosto. O seu alcalde, Francisco José Fernández, aseguraba que se por algo se coñece Leiro é polo seu viño. Pero no so o viño é importante neste concello, senón que o eslogan fai mención a outras dúas xoias "Leiro terra de pedra, auga e viño". Pedra referida á da Perna Corneira e das grandes obras arquitectónicas como o Mosteiro de Clodio e a ponte romana, a auga do río Avia e do balneario de Berán e por suposto, o famoso viño do Ribeiro. Foi en Leiro onde se formou a primeira cooperativa de viño. Pero o alcalde tamén tivo ocasión de falar dos diferentes temas municipais que afectan ó concello. Un deles, o balneario de Berán onde o concello está a traballar na súa posta en funcionamento, neste caso parada por un problema de tipo económico debido á profunda crise, aínda que xa existen tres empresas interesadas na súa posta en funcionamento e no hotel. Pero este non é o único problema, xa que algún membro da entidade local de Berán, así como algún veciño, están a poñer continuas trabas. Outro dos proxectos que se levaron a cabo nos últimos meses foi a remodelación da Praza do Cruceiro, onde "a maioría dos veciños están encantados co resultado final", anunciaba o alcalde. Non tanto o están os membros da oposición, que o xoves presentaban unha moción onde denunciaban graves deficiencias na remodelada praza, onde o piso non é uniforme a pesar dos 300.000 euros investidos. Outro dos temas tratados foi o traslado da biblioteca municipal ó Centro Social, e nas mesmas instalacións da biblioteca, gracias a unha subvención recibida, albergarán as oficinas de atención ó cliente para favorecer o acceso ás persoas maiores. Hai uns días, según aseguraba o alcalde, solucionáronse tamén os problemas da TDT e gracias a Alfonso Rueda, conqueriuse que Leiro fose un dos primeiros concellos que recibise a emisión vía satélite directamente. Franciso José Fernández adiantou, nos micrófonos da Cope, que a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do concello vai máis rápida do previsto. Presentáronse de novo as respostas en diversos organismos e xa se está traballando na resposta das alegacións que fixo a confederación hidrográfica. En canto ó proxecto do Centro de Día xa foi encargado por parte da Xunta de Galicia e agora so falta esperar para realizar posibles correccións, e a partir do vindeiro ano procederase ós trámites de licitación da obra.
Outro dos convidados no noso programa foi Ramón Álvarez, concelleiro de cultura do Concello de Leiro e coordinador da Festa da Vendima. Ramón contábanos que a súa pasión polo viño ven de familia e que este ano a colleita das uvas está mellor nas zonas baixas, onde hai máis lentura na terra, mentres que nas zonas altas, hai menos lentura e a colleita está máis verde. O concello de Leiro conta con importantes adegas, as cales crean postos de traballos tanto directos como indirectos, facendo desto a industria máis importante para o concello. Ramón Alvárez adiantábanos o programa da Festa da Vendima que este ano espera batir récord de participación en canto ó desfile de carrozas, un dos principais atractivos da festa. A xornada festiva e de lecer comezará as 10:00 horas coa recepción de Acios na Praza do Cruceiro, os cales se presentan a concurso; o mellor acio recibirá un premio de 90 euros, o segundo mellor acio levará 60 euros e o acio de bronce quedará con 30 euros. No concurso valorarase ante todo, a calidade da uva, a presentación e o grado de maduración. Ás 12:00 horas terá lugar a lectura do pregón a cargo da Secretaria Xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella e ás 12:30 horas dará comezo o tradicional desfile de carrozas e charangas desde a rúa Gabino Bugallal ata o Campo da Feira. Os premios das carrozas consérvanse con respecto ós do ano pasado. A carroza de adultos gañadora recibirá 1000 euros, a segunda 750 e a terceira 500. Ademais tódalas carrozas participantes recibirán un premio de 300 euros. Os máis cativos non quedan fora deste festexo e a mellor carroza recibirá 450 euros, a segunda levará 350 e a terceira, 250 euros; 150 euros será o que leven só por presentarse. Un mercado artesanal con 18 postos no paseo fluvial será outra das actividades programadas para este día. Ademais todo aqueles que queira comer, a partir das 14:00 horas terá lugar o xantar oficial no Salgueiral cun menú do máis variado. As entradas que teñen un custo de 23 euros aínda están á venda nos diferentes bares de Leiro ata o sábado á noite. Na sobremesa farase a entrega de premios ós gañadores do concurso de Acios e das carrozas. Despois do xantar, ás 20:30 horas, as corais do Val de Avia, Berre e Portugal darán un concerto na Igrexa de San Pedro de Leiro. A partir das 22:00 horas, unha orquestra amenizará a verbena ata que o copo aguante.
Outro dos convidados foi Ernesto Romero, propietario do Cine de Leiro. Ernesto leva 27 anos co cine e neste tempo "houbo momentos moi complicados" onde tivo que pechar a sala. Foron momentos difíciles pero o cine é unha das súas pasións e pensou en implantar o cine en 3D, o cal lle ocasionou un custo de 90000 euros. Foi co fenómeno da película Avatar cando se pasaron por Leiro cerca de 5000 persoas e onde o novo cine do concello se convertIu no centro de atención. Este éxito, según anuncia o propietario, quizais nunca se volva a repetir porque cidades como Ourense ou Xinzo de Limia xa contan agora con cine en tres dimensións. Ernesto anunciábanos algúns dos vindeiros estrenos como "Come, reza, ama" de Julia Robertes e Javier Bardem, "Los viajes de Gulliver", "Las Crónicas de Narnia 3", mentres que durante esta semana e a que ven a película en carteleira será "The Karate Kid". Ernesto, "espera xubilarse e disfrutar co seu cine e oxalá os espectadores o disfruten tanto como o fai el".