Os Socialistas critican a falta de previsión orzamentaria do Concello de Leiro, que xa fixo dúas modificacións de crédito este ano

17, Setembro 2010

O portavoz socialista no concello de Leiro, Manuel Rodríguez, considera un despilfarro gastar 26.000 euros nuns servizos públicos previstos na zona do Salgueiral porque non son necesarios nin unha prioridade para os cidadáns. Rodríguez explica que no pleno celebrado esta semana  aprobouse unha modificación de crédito de 60.520 euros, dos que máis de 5.000 son para estes servizos públicos e 34.000 para a remodelación do concello. “Esta non é a primeira modificación de crédito aprobada no que vai de ano; no mes de xullo aprobárase xa unha modificación de 40.000 euros”, dixo Rodríguez, quen atribúe as cifras “á falta de previsión orzamentaria do goberno e á súa afición a gastar sen mesura os cartos dos veciños”.

 

No caso dos servizos públicos que se ubicarán na zona do Salgueiral, o orzamento completarase, segundo dixo o alcalde, cunha subvención. Pero os socialistas consideran que este diñeiro ben podería ser empregado a cubrir outras necesidades, porque nesa zona de paseo terán pouco uso xa que tanto a pista polideportiva como o campo de fútbol que hai no mesmo contorno teñen aseos propios.

 

“Pola contra no centro de saúde non hai servizos adaptados a discapacitados físicos, algo que os socialistas consideramos que é máis necesario; pero neste caso o alcalde non asume as súas responsabilidades de esixir á Xunta un centro de saúde en condicións e cumprindo as normativas, e nos di que poñamos unha queixa a Sanidade”, agrega.

 

Remodelación do Concello

 

Ademais, o portavoz socialista sinala que o traslado dos servizos de atención á cidadanía e xestión á planta baixa previsto na remodelación é unha boa opción, porque antes as persoas maiores tiñan que subir unhas escaleiras. Pero critica que novamente os grupos políticos non terán un espazo propio para atender as demandas dos veciños.

 

“A falta de espazo era a razón esgrimida anteriormente polo alcalde para non facilitar unha oficiña aos grupos municipais”, di Rodríguez, algo que podería solucionarse coa ampliación prevista no segundo andar para a que se investirán 110.000 euros, dos que 74.000 euros se recibirán dunha subvención da Xunta e para os que houbo que facer unha modificación de crédito de 39.000 euros.

 

Por outro lado sinalou que resulta extraño que o alcalde alegue que a ampliación do salón de plenos servirá para a realización de actos de tipo cultural cando hai asinado un convenio co cine para a realización deste tipo de actos.

 

“A reivindicación dunha oficiña para os grupos municipais remóntase a 2007, e mesmo foi levada ao Valedor do Pobo; esta remodelación do consistorio é unha ocasión inmellorable para responder a esta necesidade, pero parece que o alcalde vai deixar pasar esta oportunidade”, conluiu.