Os socialistas de Leiro critican que un escrito veciñal sexa despreciado polo Alcalde, e éste responde que "o mesmo non é representativo"
O Grupo Municipal Socialista de Leiro critica a falta de respecto do alcalde deste concello para o que hai veciños de primera e de segunda categoría. Manuel Rodríguez, portavoz socialista no municipio, sinala que no pleno celebrado o pasado xoves e preguntado por un escrito presentado polos veciños no que se pedían melloras e diversas actuacións en Leiro, o alcalde afirmou que moitos dos veciños que asinaron dito escrito non estaban censados.
“Parece que aínda que sexas natural de Leiro e teñas propiedades no concello non tes dereito a reclamar nada se non tes voto; é dicir, como sempre o alcalde antepón os seus intereses aos da cidadanía”, indica Rodríguez.
Os socialistas xa teñen manifestado a súa disconformidade coa forma de actuar do rexedor municipal, que “habitualmente só ten en conta aos seus amigos á hora de tomar decisións”.
Neste caso o PSdeG fíxose eco das reivindicacións dos veciños porque parece que non hai outra vía para trasladar as súas demandas ao alcalde, “pero o resultado segue sendo o mesmo: ningún, porque como sempre fai oídos xordos ás necesidades reais dos veciños de Leiro”, conclúe Rodríguez.
Doutra parte, en declaracións a esta emisora de radio, o Alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, manifestou "que o escrito ó que fan referencia os socialistas estivo circulando por Leiro durante un mes, e despois dese tempo tan só asinaron o mesmo 33 persoas, das que tan só 11 son veciños residentes no Concello de Leiro", polo que "entendo que de 1.600 veciños tan só 11 asinan este escrito, podese deducir que o mesmo non é moi representativo da opinión pública".