O PSOE presenta os candidatos ás Alcaldias do Ribeiro

23, Marzo 2011

O secretario Xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, presentou os candidatos socialistas da comarca do Ribeiro, acto no que afirmou que “o PSdeG vai incrementar o apoio cidadán nesta comarca o próximo 22 de maio, especialmente na capital, porque a xestión de Marcos Blanco e todo o seu grupo de goberno nesta lexislatura foi unha das máis fructíferas do período democrático”. Na súa intervención, o líder dos socialistas galegos, sinalou ás débedas da Xunta de Feijóo con Ribadavia e a comarca, “de onde parece mentira que sexa o superdelegado da Xunta en Ourense, xa que ten paralizado todos os proxectos que están pendentes de ser executados”, dixo.

 

Así, lembrou que o parque empresarial de San Cristovo segue empantanado na 3ª fase de execución, e que despois de prometer incluír a dotación para esta obra nos orzamentos do 2011, non destinaron un só euro, poñendo en perigo a implantación de tres empresas e a creación de 100 postos de traballo.  Tamén denunciou a falla de apoio ao sector vinícola, que é a principal fonte de riqueza destas terras, e que non hai o máis mínimo interese en establecer un sistema de presos estables para os viticultores, con “contratos homologados” que garantan unha rendibilidade mínima da viticultura. Neste sentido indicou tamén a falta de interese por poñer en marcha o Museo do Viño, xa construido, e que está chamado a ser un dos reclamos turísticos da comarca.  O secretario Xeral dos socialistas galegos lembrou ademais que as políticas de Feijóo, despois de dous anos de goberno e de desmantelamento de servizos públicos como a sanidade e a educación, van dirixidas á suba de impostos e taxas. Vázquez puxo como exemplo o intento de querer introducir o copago nos servizos públicos e a suba da auga. Explicou que a nova Lei de Augas só persigue recaudar máis, elevando o prezo da auga ata un 140%, pero non resolve ningún dos problemas de abastecemento nin de saneamento.

O secretario Xeral provincial, Raúl Fernández, destacou  a unidade dos socialistas do Ribeiro fronte ás prácticas habituais do PP para colocar candidatos, “utilizando a Deputación como a súa sede electoral”. Fernández lembrou a importantísima suba en votos e alcaldías que houbo entre as eleccións municipais de 2003 e as de 2007, tendencia que está seguro continuará nos vindeiros comicios do mes de maio, e axudarán a gañar a Deputación provincial. “Estamos en condicións de que o Ribeiro erradique o caciquismo do PP, as políticas de alcaldes que chegaron ao poder durante o franquismo, de exalcaldes imputados e condenados como Rogelio Martínez, e de alcaldes inhabilitados como o de Melón”, dixo  

 O alcalde de Ribadavia e candidato á reelección, Marcos Blanco, tamén salientou  o consenso á hora de elixir os candidatos socialistas da comarca do Ribeiro, fronte á división interna do Partido Popular, que presenta uns candidatos que teñen como único obxectivo “axudarse a eles mesmos e conseguir un traballo na CEO o una Deputación provincial”, en vez de mirar polo interese xeral.  Blanco considera que os candidatos que hoxe se presentaron supoñen “un soplo de aire fresco” fronte ao caciquismo e clientelismo do Partido Popular  da comarca e aos recortes da Xunta de Feijóo.

 Así, lembrou o recorte de máis dun 30% na subvención para a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, e do 75% da subvención para a rehabilitación de cascos históricos, que supuxo a redución de 29 expedientes de rehabilitación  abertos en 2009 a 6 expedientes en 2010 no casco histórico de Ribadavia. Neste sentido lembrou que Galicia era exemplo en toda España da recuperación das nosas zonas monumentais, e Feijóo dun plumazo condena a deixar morrer as zonas históricas das nosas vilas, que tamén forman parte do noso patrimonio. Sobre o patrimonio natural do Ribeiro, recordou que o PP quixo “comprando vontades, castigar á comarca do Ribeiro” coa ubicación dunha planta incineradora de lixo, cando no seu  día se opuxeron á instalación dun  parque medioambiental en Carballeda de Avia dedicado fundamentalmente á reciclaxe de residuos.

 

O acto foi presentado pola candidata no concello de Cenlle, Silvia Álvarez, quen afirmou “ser a cabeza visible dun novo equipo que está traballando con moitas ganas ilusión” porque “os veciños de Cenlle merecen un cambio profundo despois de máis de 40 años nos que o amiguismo e os intereses partidistas foron as constantes da acción de goberno municipal”.

 “Nós somos o futuro de Cenlle”, dixo, e reivindicou as políticas de  reequilibrio territorial porque “o rural tamén existe, e os socialistas apostamos por el”, engadiu. Así sinalou  que  “a riqueza natural do Ribeiro é a súa seña de identidade”, polo que “potenciar unha economía sostible para protexer o noso territorio significa dicir non á incineradora” que o PP quere instalar na provincia de Ourense. Aludindo á importancia dun cambio na Deputación provincial, Álvarez apuntou que “Ourense merece outros líderes que teñan as personas no centro das súas políticas e os dereitos sociais como unha prioridade, algo que está moi lonxe do caciquismo imperante no clan Baltar e no Partido Popular"

 

CANDIDATOS COMARCA DO RIBEIRO

 

ARNOIA

JORGE RODRÍGUEZ GARCÍA

AVIÓN

ANA ISABEL DOMÍNGUEZ GAVIÁN

BEADE

MIGUEL ÁNGEL CARREIRO ESTÉVEZ

CARBALEDA DE AVIA

LUIS MILIA MÉNDEZ

CASTRELO DE MIÑO

ÓSCAR LÓPEZ MARTÍNEZ

 

CENLLE

SILVIA ÁLVAREZ ESTEBAN

 

LEIRO

MANUEL RODRÍGUEZ VÁZQUEZ

RIBADAVIA

MARCOS BLANCO JORGE