O PSOE denuncia a paralización da obra do polideportivo do Irixo
O portavoz socialista no Irixo, Francisco Javier Rodríguez, denuncia “a parálise do Concello que ten o seu fiel reflexo nas obras do millonario pavillón de deportes, paradas dende hai tres meses, e no deteriorado parque infantil do colexio público”. Rodríguez critica a falta de sensibilidade do alcalde que conseguiu chegar ás vacacións escolares sen arranxar as instalacións do colexio, perigando incluso o seu mantemento. “O feito de que o colexio estivera case a punto de ser pechado manifesta a falta de interese por aumentar poboación ou fixar a que aquí vive. A este paso os poucos nenos que nos quedan terán que marchar a outras vilas, e o Irixo esmorecerá lentamente”, afirma. O portavoz socialista considera que “non hai máis que ver o estado de ambas obras para decatarse de que o último que interesa ao Grupo de Goberno Popular son os nenos e a xente nova”.