Unha exhibición de doma clásica e unha ruta turística, entre as actividades da festa do cabalo do Irixo
A XI edición da festa do cabalo do Concello do Irixo, que se celebra este domingo 7 de agosto na carballeira do Tellado, ofrécenos este ano varias novidades na súa programación, entre elas, unha exhibición de doma clásica que estará a cargo dos xinetes do club deportivo ecuéstre de Ourense, que terá lugar ás 6,30 da tarde. O Tenente-Alcalde do Irixo e coordenador da festa, Manuel "Lito" Cerdeira, tamén confirmaba a participación de xinetes procedentes de Santiago e Pontevedra e que protagonizarán un concurso de beleza e estampa para cabalos árabes, outra das actividades que se incluen por vez primeira na programación da festa.
A outra novidade para este domingo estará na celebración dunha ruta cabalar que sairá ás 10 da mañá desde a propia carballeira do Tellado para percorrer unha distancia dunhos 20 kms. que Lito Cerdeira destacaba "pola súa impresionante beleza paisaxística, e que nos levará pola Lama e Menaz atá Orosa, dese alí subirémos atá o parque eólico, para divisar unha visión completa do Concello do Irixo, adentrándonos despois no Concello de Piñor atá Marañis e regresando á carballeira do Tellado a través da Cruz da Grade". Ademáis na programación de activdades tamén nos encontramos cos xa tradicionais concursos de andadura e beleza e estampa, e unha jinkana tanto para nenos como adultos. As persoas que se acheguen ata a emblemática carballeira do Tellado poderán degustar un xantar popular, no que non faltarán o polbo á feira, a carne ó caldeiro e o churrasco. Á tardiña, un dúo musical amenizará a despedida festiva.