O PSOE chama aos veciños do Irixo para que acudan ao pleno extraordinario deste xoves e "amosen a súa postura contra a incineradora".
O portavoz socialista no concello do Irixo, Javier Rodríguez Pérez, considera “unha burla absolutamente imperdoable” que o alcalde do Irixo negue un pleno extraordinario para informar aos veciños sobre a incineradora e si o convoque para tramitar o Plan Xeral Urbanístico, paso imprescindible para a construción de dita planta.
O concelleiro socialista afirma que esta é “unha mostra máis da actitude dictatorial, sombría e prepotente do señor Penedo no polémico asunto da incineradora que unha empresa privada, coa connivencia da Xunta de Galicia, pretende instalar preto das nosas casas para queimar o lixo de todo o sur de Galicia, co conseguinte prexuízo para as nosas vidas, as nosas terras e o noso futuro”.
Rodríguez lembra que nada máis coñecerse a noticia o PSdeG solicitou a celebración dun Pleno Extraordinario, para que o alcalde informara da situación do proxecto e das súas consecuencias. Esta solicitude foi rexeitada argumentando que os veciños xa estaban sendo informados a través da prensa.
“Esta contestación, ademais de absurda e antidemocrática, obvia que nun pleno os veciños tamén poden falar e preguntar as dúbidas que teñan, que son moitas como quedou patente na reunión da Coordinadora Incineradora no Irixo Non á que acudiron 500 persoas que se opoñen frontalmente a esta instalación”, sinala.
O edil socialista engade que a sorpresa aumenta cando tres días despois o alcalde convoca un Pleno Extraordinario, pero non para falar da Incineradora, senón para tramitar o Plan Xeral Urbanístico, paso imprescindible para a construción da planta. “Este feito demostra claramente cales son as prioridades do alcalde; sen dúbida cumprir as demandas da empresa, prescindindo do que máis precisa a súa xente, que é ser informados polo seu rexedor”, apunta.
Por último, o portavoz socialista manifesta que a data elixida para este pleno, o xoves 22 de decembro ás 9 de mañá, parece unha forma de distraer aos veciños co sorteo da Lotería de Nadal e un horario intempestivo. Así, Rodríguez fai un chamamento aos veciños do Irixo, “para que fagan unha demostración de poderío como a que fixeron o pasado sábado, e que respectando o que supón un Pleno Municipal e dentro dos cauces da normalidade e a legalidade, lle fagan ver ao señor Penedo que non van transixir con que ninguén xogue co futuro de todo un pobo”.