O Irixo acolleu a primeira manifestación de protesta contra a incineradora

28, Decembro 2011

Cun marcado carácter lúdico e humorístico, no contexto da festividade dos Santos Inocentes, arredor de 150 persoas participaron na primeira convocatoria de protesta da Coordenadora Veciñal contra a instalación da incineradora.

Os manifestantes concentraronse a partir do mediodia na Praza do Concello da localidade, onde depositaron bolsas de lixo e representaron "o funeral polo concello do Irixo". Despois, dirixironse atá o domicilio do Alcalde Manuel Penedo ao que lle recordaron que "O Irixo está en loita, Penedo escoita" e "no Irixo non queremos lixo":

Desde a "Coordenadora Veciñal Incineradora no Irixo Non", o Portavoz da mesma, Alberto González, consideraba ao rematar a manifestación que "o acto de hoxe anunciámolo con tan só 4 dias de antelación e simplemente veu a xente co boca a boca, pero aínda asi veu moita xente, calculamos que máis de 150 persoas, tranquilamente aquí reunironse 200 persoas e para un Concello pequeno como O Irixo é unha participación moi alta", suliñou.

CHEO NA CASA DA CULTURA DO CARBALLIÑO

A Casa da cultura do Carballiño rexistrou un cheo no seu aforo para escoitar os especialistas traidos a este acto pola "Plataforma Incineradora Non".

Na disertación participaron, Serafín González Prieto, biólogo e membro da Sociedade Galega de Historia Natural e Anxo Saborido, da Federación Ecoloxista Galega. Os técnicos confirmaron que “non hai razóns técnicas, nin económicas, nin enerxéticas, nin loxísticas, nin ambientais para instalar unha incineradora no término municipal do Irixo”. Ambos insistiron en que o modelo de Sogama, é un erro, e que xa no ano 1997 a SGHN afirmaba que a incineración para o tratamento de residuos non era a máis axeitada.

Durante a súa intervención, o biólogo Serafín González, sinalou que o Irixo está afastado dos principais centros de produción de lixo no Sur de Galicia, concretando as distancias por ferrocarril (entre 140 e 180 quilómetros) e por estrada (entre 80 e 100 km). Ademais, lembrou que os residuos en Galicia Sur proceden entre o 70 e o 75% da provincia de Pontevedra, e o 25-30% restante de Ourense, xa que ten “3 veces máis poboación, 4 veces máis industria e máis lixo por habitante que a provincia ourensá”.

Os técnicos lembraron que o Plan de Xestión de Residuos Urbanos alude á proximidade e suficiencia, xa que este favorece que a xestión dos residuos se faga en instalacións próximas ás zonas de xeración. Ademais incidiron en que o propio Plan recolle que “os custos relativos á xestión dos residuos terán que correr a cargo do produtor inicial de residuos”, situación que non se estará dando no caso do Irixo.

Ao final da charla, membros de distintos colectivos da comarca manifestaron a súa preocupación ante a instalación e posta en marcha da incineradora no Irixo, e confirmaron que seguirán fomentando accións conxuntas para facer chegar á Administración o desencanto de moitos cidadáns ante esta arbitraria decisión da Xunta  menosprezando os habitantes do interior de Galicia, rematando así coas posibilidades de desenvolvemento desta zona.