O Alcalde e Corporación do Carballiño participarán na concentración contra a incineradora convocada para o domingo
Os Concelleiros e Concelleiras dos 3 grupos políticos da Corporación Municipal do Carballiño acudirán á concentración convocada pola Plataforma Incineradora Non.
A protesta contra a planta de residuos que pretende intalarse no Irixo terá lugar ao mediodia deste vindeiro domingo dia 29 de xaneiro na Praza Maior do Carballiño. O Alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, asinou unha nota infjormativa na que confirma que, trala celebración dunha reunión da comisión de seguimento do acordo plenario do pasado dia 5 de xaneiro " e co fin de que os veciños e veciñas se sintan representados na concentración que está prevista na Praza Maior, acordase por parte desta comisión, que a esa concentración asistirán os Concelleiros e Concelleiras da Corporación do Carballiño, polo que se convida a todos os que o consideren oportuno a que asistan á Praza Maior do Carballiño o vindeiro domingo ás 12 do mediodia".
COMUNICADO DA PLATAFORMA INCINERADORA NON
Coincidindo con este anuncio do Concello do Carballiño, a Plataforma convocante remitíu aos medios un comunicado, que reproducimos na súa integridade:
"Dende esta Plataforma queremos manifestar que Carballiño non deixará de loitar a pesares das declaracións efectuadas no día de onte polo conselleiro de medio ambiente, Agustín Hernández, que aseguraba que a Xunta de Galicia mantense na súa disposición de construir unha planta incineradora no concello do Irixo. Para empezar, quixéramos recordar as palabras do actual presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoó, quen aseguraba en precampaña electoral que non se construiría unha incineradora na comarca do Ribeiro e inmediacións no caso de que gañara as eleccións. Queremos lembrar que a denominación de orixe destes viños comeza a menos de 10 kilómetros de onde se pretende instalar esta planta. O Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, señor Hernandez, parece empeñado en ignorar o sentir dos veciños desta comarca e fai ouvidos xordos ás peticións de paralización do proceso de construcción da planta incineradora, a escasa distancia do núcleo do Carballiño e con perxuicios directos para outras zonas densamente poboadas do interior galego como o Ribeiro ou o Deza.
Por outra banda, queremos destacar que o conselleiro non fai mención ningunha ó aspecto legal da súa construcción en terreos con catalogación patrimonial e a escasos metros do nacemento das augas termais que alimentan os afloramentos mineromedicinais desta comarca e dos seus perímetro de protección dos balnearios. Neste sentido, esta Plataforma anuncia que vixiará polo cumprimento da lei non soamente relacionada coa normativa medioambiental, senón tamén polas que rixen noutro tipo de materias como as anteriormente mencionadas e onde aínda a Xunta de Galicia non deu resposta. Inevitablemente, xurden unha serie de preguntas que aínda non foron clarexadas polas distintas administracións: Cómo pode afirmar o conselleiro que a ubicación é a ideal se todavía non coñece os pormenores socioeconómicos e medioambientais desta zona? Por qué o interese inusitado en acelerar o proceso administrativo do proxecto sen atender a tódolos requisitos esixidos pola lei? Por qué o presidente da Deputación, Sr. Baltar, que asegura que non desexaría unha planta deste tipo cerca da súa casa castiga a esta comarca ? Por què o Sr. Baltar aproba esta decisión cando aseguraba nun pleno que non avalaría ningún proxecto que contara coa oposición veciñal? Acaso non se da conta que o seu propio partido rexeita esta incineradora no concello máis poboado da comarca? Estas preguntas non teñen resposta salvo que todo sexa unha grande mentira política para castigar a esta zona da provincia que non conta con ningún peso político dentro do Partido Popular e rinden o seu contrato de vasallaxe, ben directamente ou ben escudándose nun telón que pretende enganar ós cidadáns.
Esta plataforma tamén se fai unha pregunta que supoñemos é clave en todo este círculo de mentiras que nace na Xunta de Galicia. Así, se este proxecto é tan bó por qué non se realiza onde se xenera o lixo e así se aforrarían en custes de transporte? Por qué se mete todo en mans privadas e se relaciona todo cunha empresa adscrita ó plan e concurso eólico? Qué garantías pode haber de seguridade cando temos todos os antecedentes e accidentes acaecidos noutras incineradoras? Por qué se utiliza a demagoxia da creación de postos de traballo cando sabemos que moitos van ser destruídos en sectores tan sensibles como o agrogandeiro e termal? Por qué se pretende dar unha imaxe non contaminante cando toda a comunidade científica está dacordo nos perxuicios que causa na saúde? O que non acepta esta plataforma é que dende a Xunta de Galicia e Deputación se pretenda tratar ós veciños desta comarca como súbditos destas grandes preguntas que non teñen resposta e que esta Plataforma vese na obriga de informar arreo para evitar que as confusiós enganen á poboación.
Deste xeito, a Plataforma desexa animar a tódolos afectados por esta inciativa, que consideramos son todos os veciños desta comarca e anexas, á manifestación que terá lugar o vindeiro domingo no Carballiño. Na mesma esperamos que todas as forzas políticas que aprobaron unha moción neste concello estean presentes en dito acto así como tódolos colectivos, asociacións e sectores de todo tipo para que se unan a esta marcha e se concentren no rexeitamento deste proxecto que pretende hipotecar o noso futuro e dos nosos fillos. Lembramos que fora de toda ideoloxía política está o benestar da saúde como principio básico da convivencia entre veciños, rexeitando o vasallaxe ó que nos pretende sumir a administración.
Ademais, dende a Plataforma Incineradora Non do Carballiño, convidamos ao señor Hernandez a que o vindeiro domingo visite a nosa vila e lle explique aos milleiros de persoas que van acudir ás 12.30 á Praza Maior a mostrar a súa repulsa á Incineradora, porque as súas opinions non contan, porque non se consultou, xa non ós veciños do Carballiño, senón tan siquera ó seu alcalde a disposición de todos nós sobre este asunto.
Para rematar, alégranos ver que existen institucións que sí dan a cara abertamente para manifestar o que consideran unha inxustiza e se poñen de lado dos veciños porque saben perfectamente das consecuencias negativas que a execución deste proxecto traería consigo".