O Grupo de Goberno de Boborás refusou posicionarse contra a incineradora

26, Xaneiro 2012

O madrugador pleno da Corporación de Boborás, convocado ás 8 da mañá,  non ofreceu sorpresas. O grupo de goberno do Partido Popular respaldou sen fisuras e de forma unánime a postura que ven mantendo o Alcalde de Boborás, Cipriano Caamaño, que non ve motivos para opoñerse a instalación da incineradora no Irixo.

Os 3 grupos da oposición, BNG, PSOE e MOVE Boborás, presentaran conxuntamente a solicitude desta convocatoria extraordinaria para demandar do grupo de goberno unha postura oficial sobre a planta incineradora. A petición da oposición, defendida pola portavoz de MOVE Boborás, Eva Pardo, foi rexeitada polos votos do grupo maioritario do Partido Popular.

Malia a actualidade da polémica e a gran contestación social que está xerando a instalación da incineradora, a este pleno extraordinario da Corporación de Boborás tan só asistiron como público 2 persoas.

PLAN PROVINCIAL DE OBRAS 2012

Na segunda das sesións plenarias celebradas pola Corporación Municipal aprobouse a proposta presentada pola Alcaldia para a execución do Plan Provincial de Obras correspondente ao ano 2012, e que consistirá no acondicionamento de camiños nas localidades de Sande, Sobredo, Cameixa e Figueroa.