Marnotes solicitará á Xunta que non se suprima o Partido Xudicial do Carballiño
O Alcalde do Carballiño remitirá un escrito á Xunta de Galicia en relación á posibilidade que se baralla da supresión de partidos xudiciais, o que deixaría á provincia de Ourense con ta so dous partidos xudiciais, polo que se suprimiría a actúal demarcación xudicial do Carballiño.
Argimiro Marnotes entende que esta perda do partido xudicial seria tremendamente prexudicial para os veciños do municipio, xa que teríann que desprazarse ata a capital provincial para calquera trámite relativo aos procesos xudiciais "sendo isto un paso a tras nos obxectivos dos concellos, que o que pretendemos é ofrecer a maior comodidade aos nosos veciños, creando xanelas únicas e renovando servizos que posibiliten realizar todas as xestións coa administración sen necesidade de desprazarse".
Por outro lado, Marnotes entende que a nivel económico e social sería un grave prexuízo para O Carballliño a eliminación dos xulgados "en detrimento na vida laboral dos traballadores deste, que deberían tamén desprazarse a novos destinos, co conseguinte cambio de vida que iso supón, e mesmo a imposibilidade que poidan ter algúns para realizar estes desprazamentos".
Así mesmo recorda o alcalde carballiñés que "hai pouco finalizaron as obras no pazo de xustiza do Carballiño, dirixidas a ampliar e mellorar as instalacións existentes e a eliminación deste partido xudicial supoñería deixar esas instalacións sen uso".
Por último o rexedor municipal pretende anuncia reunións cos afectados directos, avogados e procuradores da vila, co fin de coñecer o seu posicionamento e, se procedese, adoptar medidas conxuntas neste sentido. Así mesmo Marnotes confía en que na Xunta de Galicia se estude con sensibilidade a proposta de redución de partidos xudiciais. Argimiro Marnotes recorda o esforzo que supuxo para O Carballiño conseguir o segundo xulgado "e sería unha mágoa perdelo agora", manifesta.