O Concello ofrece á veciñanza un novo servizo para a xestión de trámites catastrais
O concello do Carballiño vén de asinar un convenio coa Secretaría do Estado de Facenda para a colaboración en materia de xestión catastral. Con este convenio os veciños e propietarios de bens no municipio do Carballiño non terán que acudir á Ourense para os trámites.
En concreto os asuntos que poderán resolverse xa no concello do Carballiño en materia de catastro serán a alteración da titularidade e variación da cota de participación en bens inmobles, con todo o que iso leva consigo como a adquisición ou consolidación da propiedade dun ben inmoble, a constitución, modificación ou adquisición dun dereito real de superficie ou usufruto ou outro dereito real de desfrute, ou dunha concesión administrativa. En definitiva todo o referente ao modelo 901-N no que tamén se inclúen a variación na composición interna ou na cota de participación de comunidades ou entidades sen persoa xurídica; e a variación na cota de participación dos cónxuxes en bens ou dereitos comúns.
Así mesmo, dentro do citado convenio, tamén se inclúen todas as xestións relativas ao modelo 902-N referente á nova construción, ampliación, reforma ou rehabilitación de bens inmobles. Dentro deste modelo inclúese a declaración da división horizontal e as modificacións de titularidade relacionadas coas alteracións anteriores.
Por último o convenio entre o concello carballiñés e a Secretaria de Estado de Facenda inclúe tamén as xestións dos modelos 903-N e 904-N, relativos o primeiro deles á agregación, agrupación, segregación ou división de bens inmobles, e o cambio de cultivo ou aproveitamento, cambio de uso ou demolición ou derrubamento de bens inmobles, que se inclúe, no modelo 904-N.
A todas estas xestións débese engadir todo o relacionado coa oficina de xestión catastral, que xa estaba a ofrecer o concello, e que se inclúe no mesmo convenio citado anteriormente.
Con esta actuación o concello pretende ofrecer maior comodidade e rapidez de xestión aos veciños do municipio que necesiten destes trámites, evitando xa que teñan que acudir a Ourense para resolver estes asuntos.