A Xunta abre expediente a Estéla Eólica e anuncia que ampliará as instalacións de SOGAMA
A Consellería de Economía e Industria iniciou un procedemento administrativo á empresa Estela Eólica debido ao incumprimento dos compromisos fixados no seu plan industrial asociado para a construción dun complexo de xestión de residuos.
No mes de Decembro de 2011 o Conselleiro de Medio Ambiente dera a coñecer que o municipio elixido era O Irixo, para ubicar a planta de tratamento do lixo para o sur de Galicia, unha ubicación e un proxecto industrial que xerou o rexeitamento de amplos sectores da poboación comarcal.
"A non xustificación dos investimentos requiridos nos prazos previstos, dentro da tramitación do concurso eólico, así como a non creación dos postos de traballo fixados ante a Comisión de Seguimento dos Plans Industriais, levou á comisión, seguindo a normativa relativa ao concurso, á apertura dun expediente por incumprimento", pon de manifesto a Consellería por medio dun comunicado informativo publicado na páxina web da Xunta de Galicia
Agora, iníciase un prazo de presentación de alegacións por parte da empresa e unha posterior fase de análise das mesmas por parte dos técnicos da Comisión de Seguimento na que se determinarán as medidas a tomar, según informa a Xunta de Galicia
O CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE ANUNCIA QUE SE OPTA POLA AMPLIACIÓN DE SOGAMA
O Titular de Medio Ambiente, Agustín Hernández, aproveitou unha comparecencia co Alcalde do Carballiño, no que se daba conta da sinatura do convenio para as obras de urbanización na contorna da Veracruz, para anunciar que - independientemente do expediente aberto a Estéla Eólica por parte da Consellería de Industria- a Xunta procederá á modifícación do Plan de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia, que contemplaba a instalación dunha planta incineradora no sur de Galicia.
No seu lugar, a Xunta aposta pola ampliación das instalacións de SOGAMA en Cerceda, asegurou o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras.