O BNG propón unha nova política "para levar cara adiante ao Ribeiro"

13, Outubro 2012

As vilas de Leiro e Ribadavia acolleron os actos centrais da campaña do BNG, nos que se incidíu "nas distintas problemáticas que afectan ao Ribeiro".

Os candidatos nacionalistas expuxeron aos asistentes as propostas do BNG para un cambio de rumbo nas políticas públicas "que leve ao goberno galego a traballar en favor da maioría social e non a prol dos intereses da elite económica como ven facendo o PP nos gobernos de Feijóo e Rajoy".

Especial fincapé fixeron os candidatos do BNG no sector vitivinícola. Alfredo Suárez Canal, ex-conselleiro do Medio Rural recordou os programas de investimento na reestruturación de viñas do Ribeiro, a mellora de accesos ás mesmas, así como os incentivos á incorporación de viticultores xoves, a mellora das adegas e a promoción dos viños da D.O. Ribeiro, durante a anterior lexislatura.

A candidata do BNG Tereixa Paz expuxo "a incompetencia do PP que paralizou os proxectos postos en marcha e voltou deixar aos viticultores do Ribeiro sen amparo legal ao seu labor". Puxo como exemplo os contratos homologados amparados oficialmente pola Xunta en 2006 e 2008 dende a Consellería de Medio Rural e que permitiron un marco estable de prezos ata a vendima de 2010 en que estiveron vixentes "situación que mudou radicalmente polo desleixo do PP, así, malia unha reducida colleita coma a de 2012, os prezos que van percibir os viticultores do Ribeiro van ser moi inferiores aos que fixou o contrato homologado de 2006 e 2008. Todo isto cun delegado territorial na provincia orixinario do Ribeiro e mentres si se asinou neste ano un acordo de contrato na D.O. das Rías Baixas", subliñou a candidata nº 1 por Ourense.

A nacionalista asegurou que, avalado pola súa traxectoria de goberno, se o BNG ten responsabilidades de goberno en materia de medio rural despois do 21 de outubro, promoverá a aprobación dun novo contrato homologado para o Ribeiro.     

JORQUERA EN CASTRELO DE MIÑO

Este domingo, dia 14, o Candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera participará nun mitin ás 5 da tarde no Parque Náutico de Castrelo de Miño, no que tamén intervirán o Alcalde da localidade Xurxo Rodríguez Méndez.