Comezan os traballos de limpeza e acondicionamento nos ríos Arenteiro e Avia
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil comeza esta semana as "Obras de acondicionamento dos ríos Avia e Arenteiro", nos municipios do Carballiño, Leiro e Ribadavia.O obxecto destas actuacións é a limpeza das ribeiras de ambos os dous ríos procedendo á curta e retirada de árbores secas afectadas pola "praga dos ameneiros" que apareceu na primavera de 2009 e que afectou a soamente a esta especie. Ademais, levaranse a cabo actuacións de restauración ambiental, procedendo á estabilización dos noiros que se esborrallasen por caída das árbores enfermas.
Para levar a cabo estas actuacións de restauración utilizaranse técnicas de bioingeniería colocando estacas de salgueiro verde cravadas ao firme e atadas entre se e aos biorrollos para completar a estacada. Por último taparanse e acondicionarán os noiros coa mesma terra extraida, colocarase malla de coco para suxeitar o terreo e se estaquillará con brotes de salgueiro recollidos na zona para consolidar a estabilización.
Co ánimo de minimizar os impactos das actuacións a realizar, daranse as instrucións oportunas para que os traballos respecten ao máximo a vexetación e a fauna autóctonas. Por outra parte, a madeira extraida torarase e preparará para o seu posterior amoreado e transporte un xestor de residuos vexetais apropiado.
No Concello do Carballiño actuarase en ambas as dúas marxes do río Arenteiro e incidirase no tramo comprendido entre a ponte medieval de Veiga e a entrada á piscifactoría do Carballiño. En Leiro actuarase en ambas as dúas marxes do río Avia ao seu paso por esta localidade e incidirase no tramo comprendido ente a ponte da Esperela e a ponte románica de San Clodio. No Concello de Ribadavia a actuación desenvolverase en ambas as dúas marxes do río Avia ao seu paso por este Concello e sobre todo no tramo comprendido entre o regato Eigón e a ponte de Ribadavia, tramo no que encontramos maior incidencia de afección de Phythophthora Alni. As actuacións teñen un orzamento de 169.459 euros.