Punxín crea unha comisión para revisar o contrato da auga con Aquagest, tras a celebración dun tenso pleno municipal
Medio centenar de veciños acudiron a esta convocatoria de pleno extraordinario no que a corporación municipal debía aprobar as propostas da alcaldia para a modificación das ordenanzas fiscais relativas ao abastecemento de auga e saneamento, que fixaban un incremento dacorde ao establecido polo IPC.
Non obstante, o Alcalde da localidade Manuel Vázquez, ante a numerosa presenza veciñal, optou por deixar en suspenso a proposta e finalmente accedeu a reunirse cos representantes da plataforma veciñal que ven demandando a revisión do contrato con Aquagest, ao considerar que os prezos que pagan pola auga "son altamente abusivos e desproporcioandos", tal como veñen manifestando. O rexedor municipal reuniráse ao longo da vindeira semana cos veciños para escoitar os seus plantexamentos e estudar unha posible fronte común entre concello e veciños para presionar á empresa concesionaria.
Antes e durante o desenvolvento da sesión plenaria, producironse momentos de moita tensión entre veciños presentes no concello, entre os partidarios do Alcalde e os que criticaban a súa xestión. O momento máis álxido chegou cando un veciño recriminou aos concelleiros socialistas -agora na oposición- por asinar durante o anterior mandato municipal o polémico convenio con Aquagest, o que provocou un forte enfrontamento verbal entre o público e o concelleiro socialista Amadeo Vázquez.