A nova EDAR de Avión substitúe as fosas sépticas e adapta as condicións medioambientais á directiva europea
O consellerio de Medio Ambiente Agustín Hernández e o alcalde de Avión Antonio Montero inauguraron unhas obras que representaron un investimento de algo máis de 750.000 euros.
Esta actuación realizouse en base a un acordo entre a Administración autonómica e local, no que se determinaron as bases para a execución das obras precisas que permitirán mellorar o saneamento e depuración de varios núcleos do concello de Avión, mediante a demolición de fosas sépticas, unificando a rede de colectores e tratando as verteduras nunha estación depuradora de nova construción.
O conselleiro de Medio Ambiente recordou a necesidade de levar a cabo esta obra hidráulica xa que o Concello de Avión tiña un sistema de saneamento moi deteriorado, debido basicamente á súa antigüidade. A rede de saneamento, separativa, atopábase en moi mal estado de conservación, vertendo a tres fosas sépticas incapaces de cumprir os obxectivos de calidade esixidos pola Directiva 91/277 da Comunidade Europea.
Os traballos que se executaron foron, entre outros, a reposición dun colector de fecais ao que se conectaran tres ramais. Ademais, na localidade de Cendóns, colocouse un colector de 720 metros, unido á rede existente, e en Beresmo, levouse a cabo dous treitos de colectores de 166 e 272 metros en tubaxe.
Por outra parte, demoléronse as fosas sépticas que recollen as augas residuais dos veciños de Avión e dos núcleos de Beresemo, Portocarro e Cendóns e executouse un colector que transporta as augas por gravidade ata a nova estación depuradora. A nova EDAR de Avión dispón dun bombeo de auga bruta e peneira de compactación. Esta infraestrutura prefabricada con aireación, prolongada para 1.250 habitantes, posúe unha arqueta de toma de mostras, un colector de vertedura e un by-pass planta. Cómpre sinalar que o proxecto tamén incluíu a reposición de servizos e pavimentos afectados pola realización das obras hidráulicas necesarias. Os beneficiarios desta actuación son os máis de 2.600 habitantes do Concello de Avión.