A "Festa do pulpo do Carballiño" xa é marca oficial rexistrada
( Redacción. Estefanía Bernárdez ) O alcalde , Argimiro Marnotes, presentou a Festa do pulpo do Carballiño como marca rexistrada. Marnotes, acompañado de Julián Garriga, presidente da asociación de comerciantes, e Pilar Caride, concelleira de Turismo, confirmaron tamén o rexistro da imaxe da festa, o pulpo Octavio.
Argimiro Marnotes trasladaba os beneficios que terá este rexistro da marca como "unha proxección moito máis ordenada e profesional do que viña sendo". Ademáis, explicaba Marnotes, rexistrouse "Festa do pulpo do Carballiño" porque o concepto xenérico de festa do pulpo xa se atopaba patentada. A consecución da marca permitirá un control absoluto das sociedades e do merchandising por parte do Concello, xa que todo terá que ter a súa autorización. O alcalde do Carballiño tamén suliñaba que "é unha nova fonte de ingresos, un trámite que se tería que ter feito fai tempo".
Tamén se sumou o rexistro da imaxe de Octavio. Este obxectivo súmase ao conseguido o ano pasado, cando foi declarada Festa de Interese turístico nacional.
Na mesma presentación amosáronse dous manuais para o correcto manexo das marcas. Normas ás que se terán que ceñir as sociedades ou comerciantes que as queiran comercializar. Avanzouse que se colaborará co Centro Comercial Aberto para que os colectivos dos comerciantes do Carballiño poidan distribuir dita marca.
Julián Garriga, presidente dos comerciantes, felicitaba ao Concello polo conseguimento e declaraba que "é un feito importantísimo e tamén unha nova oportunidade de compra no Carballiño". O luns presentarán a súa campaña de verán, a cal levará a Octavio como a súa imaxe.