Os socialistas instan ao concello a impulsar o intercambeo cultural con Irlanda
Neste programa participan os concellos do Carballiño e Boborás, por medio da Fundación Antón Losada Diéguez.
Os socialistas sinalan que moitos pais de rapaces interesados neste programa de intercambio para estudiantes de secundaria, amosaron a súa preocupación ao non ter información sobre dito intercambio, e que tras consultar a Orenmore “descubrimos que tentaron poñerse en contacto co concello do Carballiño en numerosas ocasións pero atoparon a calada por resposta”.
Deste xeito “en Irlanda nin siquera saben cantas familias e estudantes estarían interesados en participar na nosa comarca, porque o concello non lles enviou nin un só dato. Alí, pola contra, xa teñen unha listaxe de familias interesadas, e seguen a progresión do estado do financiamento do proxecto, que finalmente recibiu unha negativa por parte das institucións europeas no tocante ás bolsas”.
Aseguran os socialistas que as familias irlandesas están dispostas a seguir co proxecto de intercambio aínda sen contar coas axudas económicas, polo que os socialistas esixen ao grupo de goberno municipal que informe do estado das xestións realizadas e se poñan en contacto coas familias interesadas, facilitando o intercambio de información coa parte irlandesa.
Reclaman asímesmo ao concello que poña a maquinaria pública a traballar para procurar recursos que permitan a estes rapaces desenvolver este intercambio estudiantil e non deixalos sen esta magnífica oportunidade.
Afirman que “despois de que se anunciase a bombo e platillo esta oportunidade para os estudiantes da nosa comarca, non é lóxico deixar tirar a toalla e deixar esmorecer este proxecto sen buscar algunha solución”.