Os socialistas califican como "covardía" do alcalde que cumpla dous meses sen convocar pleno municipal
O PSdeG entende que o alcalde está a incorrer nunha ilegalidade, e que o fai “nun exercicio de escapismo, para evitar enfrontarse aos problemas da cidadanía e debater sobre eles”.
Os socialistas consideran que o alcalde tenta así evitar as preguntas incómodas da oposición e as protestas da cidadanía por temas que causaron moita polémica nos últimos meses. “É capaz incluso de chegar a cometer unha ilegalidade pola súa covardía para enfrontar a situación”, afirma o PSdeG.
Sinalan que o alcalde convoca pleno extraordinario, como o que terá lugar mañá, no que non teñen cabida nin os rogos e preguntas nin as mocións presentadas pola oposición. Ademais lembran que celebrar un pleno extraordinario non o exime de ter que convocar un ordinario como máximo cada dous meses, segundo marca a lei.
Afirman que Marnotes tenta así evitar debater sobre temas como a reapertura do matadoiro, o futuro dos xulgados, a falta de servizos de emerxencias, ou a situación das traballadoras de axuda a domicilio, entre outras; que forman parte das mocións presentadas pola oposición.
“O alcalde quítalle así aos cidadáns a posibilidade de expresar as súas queixas e debater sobre cuestións que lles preocupan, eludindo a súa responsabilidade”, sinalan os socialistas