O concello carballiñés crea un grupo municipal de emerxencias, que poderá utilizar o resto dos concellos da comarca
Así o comunicou o alcalde do Carballiiño Argimiro Marnotes ao resto de alcaldes da comarca no transcurso dunha reunión celebrada na casa do concello.
A creación do grupo municipal de emerxencias xorde -indican dende o concello- tras a aprobación no parlamento galego do proxecto de lei de medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da lei 27/2013. Neste proxecto de lei desbloquéase o marco de competencias que poden desenvolver os concellos.
Segundo sinalaba Marnotes isto é o que acontecía no Carballiño cos servizos de emerxencias. Dende o ano 1992 O Carballiño contou cunha agrupación de voluntarios de Protección Civil, posteriormente a Xunta de Galicia subvencionou a formación dos grupos de intervención rápida, ata o pasado ano. O alcalde, "consciente de que O Carballiño non podía quedar sen este servizo dos grupos de emerxencias" , concluíu a posibilidade de incluír a este grupo dentro do organigrama municipal "algo que ata agora nunca se fixera", manifestou.
Este grupo actuará en todo o municipio do Carballiño, e Marnotes fixo saber ao resto de alcaldes da bisbarra que agora terá que buscarse é a fórmula de conveniar o servizo deste grupo de emerxencias neses concellos. As posibilidades que se barallan son as fixar unha achega de cada unha do resto de concellos baseada no número de habitantes de cada un, ou ben cobrar por cada servizo que este grupo de emerxencias realice neses municipios.
A posta en marcha deste novo grupo de emerxencias municipal doCarballiño non depende en ningún momento do inicio da actividade no parque de bombeiros, xa que as actuacións deste grupo non serían as mesmas que as propias do parque intercomarcal.