Antón Cortiza e Cesáreo Sánchez reciben os premios Losada Diéguez
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou no acto de entrega das distincións relativos á XXIX edición dos premios Antón Losada Diéguez, que se desenvolveu no pazo de Moldes no concello ourensá de Boborás. No acto tamén estivo presente o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
O premio Antón Losada Diéguez convócase anualmente desde o ano 1985 polos Concellos de Boborás e O Carballiño, co patrocinio da Deputación de Ourense, e a súa dotación é a máis alta dun premio literario en Galicia con 12.000 euros, 6.000 euros por categoría. O xurado estivo composto por representantes das Universidades de A Coruña e Vigo, do Consello da Cultura Galega, do Museo do Pobo Galego e da Deputación. Tanto en creación literaria como en investigación e ensaio o xurado destacou a gran cantidade de obras presentadas que foron 15 e 13 respectivamente.
O titular de Cultura e Educación subliñou na súa intervención o significado que ten para Galicia a convocatoria destes premios, representativa polo “calado que ten no noso desenvolvemento como comunidade cuns valores identitarios propios, orgullosa do seu pasado e disposta a descubrir o seu potencial no presente e no futuro”. Vázquez Abad tamén destacou que a figura de Losada Diéguez “remítenos á construción da galeguidade, xa que nel se mesturaron soños visionarios con concepcións pragmáticas da nova realidade; estivo en momentos clave, nos que as Irmandades da Fala e a Xeración Nós procuraban novos modelos para unha Galicia xa decidida a recoñecerse a si mesma”.
Os gañadores
Nesta edición Cesáreo Sánchez Iglesias foi o gañador na modalidade de creación literaria coa obra ‘Caderno do Nilo’. Unha obra da que o xurado valorou os novos estilísticos que afronta o poeta, ao tempo que revisa as súas experiencias e o seu propio discurso. Todo elo sen deixar de afondar nas claves da propia vida e da propia creación poética, especialmente vincula á idea do recurso do río.
O outro premiado, Antón Cortiza, foi recoñecido na categoría de investigación e ensaio coa obra ‘Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais’. O xurado considerou que se trata dunha indagación extraordinaria, elaborada durante moitos anos sobre unha parte moi importante do patrimonio cultural, ameazada de desaparición debido aos cambios que nas últimas décadas se produciron en Galicia. Valorou ademais que o autor fixo un traballo exhautivo, rigoroso, singular, en definitiva, e que vai a ser de utilidade para o público, en xeral, e de forma moi especial para as novas xeracións.
Respecto de ambos gañadores Váquez Abad salientou que son “dous homes entregados nas súas traxectorias respectivas a construír coa palabra unha Galicia capaz de expresar o seu potencial e de xerar o recoñecemento que lle corresponde, como cultura sobranceira en Europa”.