O PSdG califica de "nefasta" a política económica do goberno municipal e esixe "transparencia na contratación e o gasto de diñeiro público"
O PSdeG criticou a “nefasta política económica do Goberno de Marnotes” que se demostra nos 129 informes negativos do servizo de intervención dos gastos que se fan dende o Concello.
Os socialistas sinalan que estes informes técnicos negativos “poñen en cuestión que o gasto que está a facer o goberno local do diñeiro público sexa axeitado”. Por elo, reclaman ao Concello transparencia “e que poñan as contas sobre a mesa, porque a oposición non conta con ningunha documentación que xustifique a onde van a parar eses cartos”.
Lembran que o goberno de Marnotes ten prorrogados os orzamentos do pasado ano, cunha partida de 10 millóns de euros; unha cifra que non se reflicte en investimentos que melloren a calidade de vida dos cidadáns. “Non se entende a suba brutal de impostos aos cidadáns para logo deixalos cada vez con menos servizos”, afirman.
"O rural está abandonado, a maleza invade as rúas e áreas recreativas, o casco urbano cheo de baches, non hai unha soa iniciativa para crear o emprego, reactivar a economía e potenciar o turismo, non contamos con efectivos de seguridade para atender emerxencias, e un curso máis os pais e nais quedarán sen praza en garderías mentres segue sen construírse a segunda Galiña Azul”, lembran.
Consideran que isto é unha proba dunha política económica desastrosa, na que o goberno do PP gasta sen dar explicacións mentres os cidadáns non ven que ese gasto repercuta no seu benestar. “Moito nos tememos que todo o diñeiro se vai en resolver as súas cuestións, pagar avogados e en contratar a afíns, mentres as necesidades dos cidadáns quedan nun segundo plano”.
“Co diñeiro que o Concello leva gastado en avogados seguro que tiñamos toda a maleza do rural limpa”, apuntan.
Sinalan que a falla de transparencia do goberno do PP tamén se demostra na política de contratación xa que “fan e desfan ao seu antollo, para ao final acabar contratando a persoas afíns”.
Lembran que unha das últimas contratacións realizadas, para cubrir o posto de auxiliar da biblioteca, “foi tan evidente que incluso rexistramos ante notario o nome da persoa que obtería a praza antes de que se levase a cabo o proceso”.
Non é normal que un Concello conte con 129 informes técnicos negativos dos gastos realizados, é unha cifra sen precedentes e que demostra que o gasto non se está a facer axeitadamente, que a política económica de Marnotes e o seu goberno é un desastre e que deben explicar aos cidadáns en qué se está a gastar o diñeiro pùblico”, rematan.