Javier Vázquez sucede a Cipriano Caamaño na presidencia local do Partido Popular de Boboràs
O bar Casa Aníbal, na Almuzara, acolleu o Congreso Local do PP en Boborás. A única candidatura que concurría a este proceso, a liderada por Javier Vázquez Rodríguez, acadou o 100% dos votos emitidos polos compromisarios participantes nesta elección.
Javier Vázquez Rodríguez sucede así a Cipriano Caamaño á fronte da Xunta Local do PP neste municipio. O presidente saínte, actual alcalde que xa foi presentado como candidato cabeza de lista ás Eleccións Municipais o pasado 4 de outubro, sinalou que “o feito de que o alcalde e o presidente local sexan persoas diferentes non repercutirá en absoluto no traballo que desempeñaremos a prol dos veciños e veciñas de Boborás, separando por un lado a parte institucional e a orgánica de partido, pero con total sintonía”, dixo Cipriano Caamaño.
Pola súa banda, o novo presidente electo, Javier Vázquez Rodríguez, agradeceu o apoio recibido á candidatura que lidera e recalcou que asume este reto ”con ilusión e ganas de seguir facendo futuro, aunando a frescura da xuventude co enorme valor da experiencia entre os membros da Xunta Local”.
O encargado de pechar o Congreso Local de Boborás foi o presidente provincial, Manuel Baltar, quen agradeceu a Cipriano Caamaño a súa adicación incansable á fronte do PP local durante os últimos anos e felicitou a Javier Vázquez Rodríguez polo paso dado á fronte da Xunta Local, recalcando “a importancia da cooperación e da planificación dos equipos para acadar as mellores políticas para os nosos veciños. Somos a única forza política coa capacidade demostrada para xestionar de xeito eficiente os intereses xerais desta provincia”.