As rúas do Carballiño acollen a exposición "Descubre a nosa realidade", ata o dia 15 de Novembro
A mostra “Descubre a nosa realidade” xa pode verse nas rúas do Carballiño . O acto de inauguración na Praza Maior do Carballiño contou coaparticipación da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Purificación Alberte Iglesias e a presidenta de ACADAR, Mónica Álvarez San Primitivo.
Tras a inauguración realizouse unha visita pola exposición para explicar o contido desas imaxes que se atopan diseminadas por distintas rúas do Carballiño. A mostra reflicte a través dunha serie de fotografías situacións específicas de violencia exercida contra mulleres con discapacidade e que en moitas ocasións permanecen invisibilizadas para a sociedade. Con estas imaxes preténdese contribuír ao seu empoderamento e facer públicas as súas experiencias e logros. “Descubre a nosa realidade!” está organizada pola Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) e conta co financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia a través do Fondo Social Europeo.
A exposición, que comezou o seu percorrido polas catro provincias galegas este 27 de setembro en Boiro e continuou en Bueu ata este de 25 de outubro, permanecerá ata o 15 de novembro no concello do Carballiño, na que será a súa única parada na provincia de Ourense. As persoas que se acheguen a visitala poderán coñecer as historias de mulleres reais que foron retratadas co obxectivo de contribuír a dispor de modelos de referencia de mulleres con discapacidade empoderadas.
Todo o material fotográfico é inédito e pioneiro en Galicia, con autoría de Anxo Resúa Calo (Boiro, 1987) e Martín Pérez Fernández (Teo, 1991) e os versos que acompañan as imaxes son obra de Hadriana Ordóñez Otero (Rianxo, 1985).
Obradoiro e performance no Carballiño
O 15 de novembro entre as 10:00h e as 13:00h, celebrarase no baixo nº34 da Rúa Calvo Sotelo (no Centro ‘Bo día Familia’), un Obradoiro de Acción Poética, coincidindo co día de peche deste programa itinerante. Será impartido pola actriz e directora Sther F. Carrodeguas e ten a intención de concienciar e sensibilizar arredor das distintas formas de violencia específica contra as mulleres con discapacidade, ao tempo que buscan normalizar as capacidades das mesmas.
Este obradoiro é unha actividade aberta ao público e gratuíta, cun total de 20 prazas dispoñibles. Consta de 3 horas de traballo grupal, nas que se aborda unha reflexión sobre distintas formas de violencia a través da expresión corporal recollidas en performances. Ao final da xuntanza, as performances creadas polas persoas participantes preséntase ao público a carón da exposición fotográfica. As persoas que desexen inscribirse deben facelo no teléfono 674 073 092 ou no correo info@acadar.org.
A instalación fotográfica “Descubre a nosa realidade!” forma parte dunha iniciativa homónima desenvolvida por ACADAR e financiada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia a través do Fondo Social Europeo. O programa, que este ano celebra a súa cuarta edición, fai percorrido por un concello de cada unha das catro provincias galegas, desde o 27 de setembro ata o 29 de novembro.
Esta edición, ademais da pioneira exposición de imaxes, complétase con vídeos e diverso material gráfico que se pode atopar na páxina web www.descubreanosarealidade.org.
Máis información: www.descubreanosarealidade.org