Feijóo, Baltar e Marnotes presentan no balneario do Carballiño o plan de impulso do termalismo
O presidente de Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou nun acto desenvolvido no balneario do Carballiño un convenio de colaboración coa Deputación de Ourense, polo cal ambas as dúas institucións se comprometen a “darlle o pulo definitivo á aposta polo turismo termal” que o Goberno autonómico leva poñendo en práctica “desde 2009”, segundo salientou o mandatario galego.
Feijóo recordou que o turismo galego está a bater este ano récords históricos –excluíndo o Xacobeo 2010-, pois rexistráronse sete millóns de pernoitas ao longo dos primeiros nove meses de 2014, millón e medio delas correspondentes a turistas procedentes de fóra de España. “O turismo termal é unha das nosas bazas fortes para seguir mellorando estes rexistros”, subliñou.
O acordo rubricado no Carballiño por Feijóo e o presidente da Deputación de Ourense establece como obxectivo central poñer en valor turístico os recursos naturais da provincia de Ourense. Para conseguilo, o convenio tamén supón o nacemento do Consello Termal Ourensán, un organismo multilateral, formado polos concellos das vilas termais, a provincia, a Xunta de Galicia, o Goberno central e asociacións de empresarios, e que ten como finalidade reivindicar a grandeza termal desta provincia e “manter e reforzar o noso liderado natural”. Así e todo, o mandatario autonómico expresou a súa vontade de “sumar a todas as institucións posibles” a este acordo pioneiro.
Marnotes "o termalismo será no futuro unha oportunidade para o noso territorio e as nosas xentes"
Durante a súa intervención na sinatura deste convvenio no balneario do Carballiño, o alcalde Argimiro Marnotes manifestou a súa satisfacción porque con este acto "deixaráse o nome do Carballiño escrito na historia do renacer do termalismo".
O rexedor municipal carballiñés remarcou que o balneario do Carballiño "´é o lugar ideal para a sinatura deste acordo, pois O Carballiño que añora os mediados do século XX, como explendor de augas mineromedicinais, aspira a recuperar ese tempo, e para elo esta iniciativa que hoxe se pon en marcha fará un pronto presente que nos faga esquecer outros tempos".
Para o PSdG o acto foi "pura propaganda"
O PSdeG lamentou que "a visita de Feijóo ao Carballiño non fose mais que mera propaganda, xa que non anunciou a posta en marcha de ningún dos proxectos pendentes na vila". Afirman que "Marnotes fixo novamente o ridículo ao demostrarse que os do seu propio partido non lle fan nin caso, xa que non é capaz de conseguir ningún compromiso do Goberno galego que beneficie aos carballiñeses".
Subliñan que "nos orzamentos da Xunta non se inclúe ningunha partida específica para O Carballiño, que está totalmente abandonado polo goberno autonómico e cun alcalde que amosa unha vez máis a súa inutilidade para xestionar investimentos que poidan dar un impulso á vila".
Así, recalcan dende o PSdG, "Feijóo asinou hoxe o convenio coa Deputación para a posta en marcha do Plan Termal Provincial, pero non dixo unha palabra do proxecto do Instituto Termal para O Carballiño, que é ademais un dos compromisos electorais de Marnotes e incluído no seu programa cando se presentou á alcaldía"
Finalmente, preguntanse os socialistas por qué Feijóo non falou nesta visita de proxectos pendientes da Xunta no Carballiño, como a Galiña Azúl ou o Parque de Bombeiros..