O PSdG demanda do alcalde medidas urxentes para atallar os roubos, entre elas, incrementar os axentes da Policia Local
O PSdeG reclama ao Goberno de Marnotes que tome medidas ante "os numerosos roubos que se están a producir en establecementos comerciais e empresas da vila e que supoñen un gran problema a engadir aos que xa de por sí padece este sector na nosa vila".
Subliñan que "os veciños e veciñas do Carballiño, aínda teñen fresco na memoria cando o señor alcalde se apuntaba en roldas de prensa o tanto dunha suposta reducción da delincuencia e se preguntan agora se non sería o normal que, por unha vez, este señor asumira a súa responsabilidade e se deixara de tentar enganarnos a todos con patrañas de todo punto incribles".
Engaden dende o PSDG que "os comerciantes deste pobo aínda agardan por unha resposta ás súas demandas, todas elas moi razoables, para axudar a loitar contra a lacra que supón esta xeira de roubos que están a sufrir".
Consideran que, a primeira e imprescindible solución, ante a inseguridade que están a xerar os roubos sería necesario dotar á Policía Local de mais axentes, e afirman que " a plantilla actual da Policía Local é escasa, e a pesar do seu esforzo,o certo é que non hai suficientes axentes para realizar máis horas de vixilancia. Por iso, consideramos que a solución pasaría por incrementar o número de axentes".
Na mesma liña, o Concello debería adoptar outras medidas que beneficien a seguridade dos cidadáns, "como mellorar o alumeado nas rúas, que é moi deficiente en boa parte delas, por culpa de medidas de suposto aforro por parte dun goberno que non repara en gastar 50.000 euros nunha pista de padel ou 70.000 euros nun só ano en avogados".
Por elo, os socialistas esixen a Marnotes "que adopte medidas para evitar a inseguridade que actualmente sofren os cidadáns da vila, xa que este problema non se pode deixar pasar, como tenta facer o rexedor, e require dunha solución urxente".