O alumnado do IES nº 1 obtén resultados por arriba da media europea nas probas PISA
O alumnado do IES Nº1 do Carballiño acadou uns resultados por riba da media europea no estudo PISA (Programa para a Avaliación Internacional dos Estudantes). O estudo, que se realiza cada tres anos desde 2000, examina en que medida os estudantes de 15 anos, que están a piques de rematar a etapa de educación obrigatoria, teñen adquiridos os coñecementos e destrezas esenciais en matemáticas, lectura, ciencias e resolución de problemas.
O número de alumnos/as de 4º da ESO do IES Nº1 avaliados/as no estudo foi de 32, incluídos nun total de 1542 alumnos/as avaliados/as na Comunidade Autónoma de Galicia, 25.313 en España e 295.416 nos países da OCDE.
En competencia matemática a puntuación obtida polo alumnado do IES Nº1 sitúase en 518 puntos, en valores similares a Finlandia (518,8 puntos) e Canadá (518,1 puntos), sendo unha puntuación superior á media de Galicia (488,6 puntos) e á media española (484,3 puntos). Os resultados son superiores tamén ao promedio obtido polo alumnado dos países da UE (489,0 puntos) e da OCDE (494,0 puntos).
En competencia lectora a puntuación acadada supera tamén a media europea. O alumnado do IES Nº1 do Carballiño acadou 501 puntos fronte á media autonómica (498 puntos ) e a estatal (487,9 puntos). Esta puntuación sobrepasa os promedios dos países da UE (489,4 puntos) e a dos países da OCDE (496,5 puntos).
Na avaliación dos coñecementos científicos os resultados son igualmente superiores ao promedio europeo. A puntuación do IES Nº1 é de 520 puntos, superando á puntuación media galega (511,5 puntos) e á española (496,4 puntos), por enriba do promedio da UE (497,2 puntos) e da OCDE (501,2 puntos).
Estes bos resultados repítense nas probas AVALDIA (Avaliación de Diagnóstico nos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia) do curso 2013-2014, que avalía os coñecementos do alumnado de 2º da ESO, tamén nas tres competencias básicas.
En matemáticas, onde se miden aspectos como álxebra, estatística ou xeometría, a puntuación do alumnado do centro (541 puntos) excede a puntuación media galega (500 puntos ); así mesmo a puntuación en competencia lingüística do IES Nº1 (535 puntos) supera os valores medios do alumnado galego (500 puntos) e a competencia sobre o coñecemento do medio e a interacción co mundo físico do alumnado do IES Nº1 (531 puntos) colócase tamén por riba do promedio autonómico (500 puntos).
Estes datos veñen a confirmar que o nivel dos centros de ensino público da comarca do Carballiño ben pode equipararse ao nivel educativo de calquera outro centro público ou privado.