Fumega comprométese a potenciar o parque municipal e o río Arenteiro como zonas de lecer "fronte ao abandono destes 4 anos"
O candidato á alcaldía do PSdeG, Paco Fumega, realizou hoxe unha visita ao Parque Municipal na que constatou o estado de abandono de boa parte da zona, fundamentalmente na área de xogos infantís, totalmente deteriorados, ou puntos cheos de maleza, como no mirador das inmediacións da piscifactoría.
Fumega, que estivo acompañado polo concelleiro Manolo Dacal e dous dos novos membros da candidatura do PSdeG, Diego Fernández e Charo González, lamentou o desinterese do goberno do PP polo que é “un dos emblemas do noso patrimonio natural”.
Por elo, comprometeuse a potenciar o Parque Municipal cando chegue á alcaldía, e á posta en marcha de brigadas de limpeza permanentes “que traballen todo o ano e non só en momentos puntuais”.
Avogou por impulsar o turismo non só cun coidado axeitado do Parque Municipal, a zona do cámping ou a piscifactoría, senón con outras propostas, como a recuperación do río Arenteiro como zona de lecer e baño.
“É fundamental crear novos xacementos de emprego porque nos últimos catro anos O Carballiño incrementou o número de desempregados e está a sufrir unha gran perda de poboación. Potenciar o noso patrimonio natural para atraer aos turistas é fundamental para o noso futuro”, avanzou.
“É moi difícil potenciar o turismo e ofrecerlles esta zona de recreo e lecer coa herba sen podar, que nalgúns puntos cubre media perna, con silveiras, fochancas e mobiliario urbano deteriorado”, sinalou.
Fumega apostou tamén por levar a cabo “unha política do detalle, do día a día” que considerou fundamental para que O Carballiño “ volva a ser a vila punteira da provincia de Ourense”.
O candidato socialista lembrou que a Marnotes “que tanto lle gusta falar da herdanza recibida, hai que recordarlle que a herdanza que está a deixar aos carballiñeses é a dun Carballiño sumido no abandono total pola súa desidia”.
“Nós apostamos por cambiar o rumbo e ocuparnos do que lle preocupa á xente para construír un Carballiño de progreso e futuro”, rematou.