"Unha política municipal transparente" obxetivo principal de "Fai O Irixo "
O acto celebrouse no salón de actos da casa do concello do Irixo e estivo presentado por Silvia Fernández, número 2 da candidatura, que fixo unha exposición das razóns que a levaron a participar nas asembleas de “Fai O Irixo” e que a animaron a formar parte da candidatura elixida en votación aberta a toda a veciñanza do Irixo. Interviñeron, tamén, Antonio Nogueira e Fina Fernández, integrantes da candidatura, que expuxeron a necesidade de cambiar o xeito de gobernar o Concello facendo que veciñas e veciños tomen parte activa no seu goberno.
Por último, Florentino Pérez, número 1 da candidatura de “Fai O Irixo”, fixo unha exposición das razóns que o animaron a participar nesta iniciativa veciñal e presentou o programa para ás eleccións municipais co que pretenden responder ás necesidades do Concello do Irixo, como o paro, o despoboamento, o envellecemento da poboación.
O programa, dixo, está baseado en facer unha política municipal transparente, aberta e participativa, na defensa dos servizos públicos, no respecto escrupuloso polo medio natural e polo patrimonio, no recoñecemento das parroquias e no desenvolvemento de políticas activas de emprego e de protección das persoas desfavorecidas.
“Fai O Irixo” agradece a todas as veciñas e veciños a súa asistencia a este acto, pois fixeron que o Salón de Plenos do Concello quedase pequeno para a celebración deste acto.