O BNG analiza a súa posible integración no futuro goberno do socialista Francisco Fumega
Son dúas as reunións previstas para esta semana nas que se abordará esta posibilidade, a integración no goberno que presidirá o socialista Paco Fumega dos dous concelleiros que os nacionalistas terán na futura corporación municipal.
Aínda que a opinión maioritaria entre as bases do BNG carballiñés parece que se decanta en contra desa posiblidade de entrar no goberno, a situación podería dar un xiro trala celebración destas dúas reunións, a primeira xuntará a asemblea de afiliados e a segunda faráse coa candidatura que encabezou Chema Ferreiro, e na que unha gran parte dos integrantes formaban parte da mesma como independentes.
Esta segunda reunión terá lugar este xoves pola noitiña, e será despois de escoitar todas as opinións cando se adoptará unha decisión final ao respecto.
Fumega mantén a súa oferta aos nacionalistas, que no caso de entrar a formar parte do goberno no concello carballiñés, terían ao seu cargo a xestión de dúas áreas municipais.