O BNG lamenta que fosen rexeitadas as enmendas nas que pedía financiación para comprar a Fábrica de papel e a Ferraxería Soto
A deputada nacionalista Olaia Fernández Davila, acompañada dos responsables locais do BNG, deu conta das dúas enmendas parciais que promoveu ao proxecto de lei dos orzamentos xerais do Estado para 2016, ambas relacionadas coas operacións de compra da antiga fábrica de papel e a casa da antiga ferraxería Soto, ambas operacións promovidas polo concello carballiñés nas últimas semanas do anterior mandato municipal de goberno do Partido Popular.
A nova corporación, agás o Partido Popular- decidía anular o acordo de compra da casa da antiga ferrexaría Soto, mentres -co voto en contra do BNG-daba continuidade a operación de compra por parte do concello da propiedade da antiga fábrica de papel da Lavandeira, onde o concello pretende ubicar un museo do papel.
Nas dúas enmendas presentadas polo BNG aos orzamentos xerais do Estado pedíase financiación económica por parte do Ministerio de Cultura para que o concello do Carballiño levase a cabo estas dúas operacións de compra "nun momento no que o Estado recortou siñificativamente as aportacións aos concellos, parecianos oportuno que se colaborase na adquisición destas dúas infraestructuras nas que está interesado o concello do Carballiño", subliñou a deputada nacionalista.
Olaia Fernández, e tamén o concelleiro carballiñés do BNG, coincidiron en salientar que ambas enmendas foron rexeitadas polo Partido Popular "cos votos tanto dos deputados de Ourense como o resto do deputados galegos".