A planta de Cepsa realiza unha proba de son da serea do Plan de Emerxencia Exterior
O xoves 5 de novembro, a planta de Cepsa Comercial Petróleo, emprazada no concello de Maside, realizará unha nova proba de son da serea do seu Plan de Emerxencia Exterior (PEE) que servirá para avaliar o seu correcto funcionamento e así dar a coñecer o seu son aos cidadáns.
Este exercicio, que aparece recollido dentro do texto do PEE, repítese periódicamente e consistirá nunha simulación da activación do Plan, coa proba de serea, que no caso dunha activación real do Plan serviría como elemento de aviso á poboación. Así, a realización deste exercicio contribuirá a que a poboación da zona de Maside afectada por un hipotético accidente se familiarice co son da serea. A última proba da serea levouse a cabo hai case un ano, no pasado mes de decembro.
A Xunta de Galicia, coa colaboración do concello, procedeu estes días a un reparto de notas informativas entre os veciños que avisan de que se trata soamente dunha proba da serea.
Dende a Dirección xeral de Emerxencias e Interior recordan tamén as medidas a levar a cabo en caso da devandita activación , sinalando ademais que esta proba non afectará á actividade diaria dos veciños. “ Máis alá dos sinais acústicos, a actividade dos veciños non se verá afectada en absoluto e poderán continuar coa súa rutina”, explícase nas notas informativas que se repartiron entre os veciños da zona.
Aposta pola prevención
Desde a Xunta quérese destacar a importancia da aposta pola prevención, como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias, liña na que se enmarcan os plans de emerxencia exterior elaborados polo Goberno galego.
Os PEE teñen como obxectivo determinar os posibles riscos das instalacións industriais e ter preparada a resposta adecuada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente.