Os carballiñeses Magdaleno, Felipe-Senén e Fusi reciben os galardóns da Arenteira 2015
O salón de actos do Aparthotel Arenteiro, que completou o seu aforo cunha numerosa representación da vida social, cultural, deportiva e política, acolleu o acto de entrega dos galardóns da Arenteira, instituidos por este establecemento hoteleiro para recoñecer as persoas que se distinguen polo seu traballo e traxectoria no ámbito do deporte, a cultura e a ciencia nas comarcas do Carballiño e O Ribeiro.
Nesta edición de 2015, o galardón da Arenteira do deporte correspondeu ao carballiñés de adopción José María Martínez Magdaleno "pola súa dilatada traxectoria deportiva dentro do mundo do automobilismo na súa etapa como piloto, loitador incansable, que gañou o aprecio popular e dos seus compañeiros", recolle a acta do xurado.
No ámbito da cultura e a ciencia o galardón da Arenteira foi para o carballiñés Felipe-Senén López Gómez pola "súa longa dedicación e sólida formación no mundo das humanidades, a súa traxectoria profesional na museoloxía, arqueoloxía e antropoloxía, xunto coa súa aportación e implicación personal coa cultura galega e carballiñesa". Tamén premia o xurado "a súa condición de embaixador do Carballiño alá onde vai".
Finalmente, o xurado outorgoulle a Arenteira a título póstumo ao tamén carballiñés Faustino José Pérez Sanmartín "Fusi" -falecido anos atrás nun accidente de tráfico- do que valora moi especialmente "unha vida curta pero intensa dedicada ao fútbol e a súa ensinanza, deixando pegada imborrable nos moitos rapaces que foron alumnos seus nas escola municipal de fútbol". Recolleu o premio o seu pai.
Patrocinio para o deportista paralímpico José Manuel Prado
O deportista carballiñés de Boccia, José Manuel Prado, que recibira fai dous anos o galardón da Arenteira, contará a partir de agora co patrocinio do grupo CER&BER, de tal maneira que poderá desplazarse a Pekín e Rio de Janeiro, asi como a outros eventos internacionais nos que competirá nos próximos anos. O compromiso foi feito público neste acto por Uriel Bernárdez, no nome do grupo empresarial carballiñés, propietario do Aparthotel Arenteiro, e organizador dos premios da Arenteira.