Dacal anuncia que "o concello promoverá a festa do pulpo nas próximas edicións de FITUR"
O concello do Carballiño promoverá a Festa do Pulpo nas próximas edicións de Fitur, en Madrid. Así o anunciou hoxe o concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal, durante a visita que realiza a esta feira de turismo, con motivo da celebración do Día de Galicia e de Ourense no stand de Galicia.
Dacal considera que Fitur "é o marco máis axeitado para promover esta festa, que conta coa declaración de interese nacional, e non ten parangón con ningunha outra manifestación gastronómica de ámbito autonómico ou incluso nacional".
Segundo dixo o concelleiro, "a oferta turística que se ofrece en Fitur é tan ampla e diversa, que só se pode ter certa incidencia se se consigue presentar algo xenuino e diferenciado. E este é o caso da Festa do Pulpo do Carballiño, que despois de 53 anos é unha marca consolidada e un auténtico reclamo turístico".
Por isto, di o concelleiro, "é preciso atopar o modo de darlle visibilidade á Festa do Pulpo nesta feira pola que pasan centos de milleiros de persoas e se concentra o sector mundial do turismo. Polo tanto, independentemente de a quen lle dediquemos as próximas edicións da Festa do Pulpo, imos intentar aproveitar esta plataforma de Fitur para incrementar a difusión da festa".
"Queremos conseguir que a primeira quincena de agosto, O Carballiño sexa un dos principais referentes turísticos de Galicia, como alternativa ao turismo de praia, e para isto cómpre presentar unha oferta gastronómica, festiva, cultural e de ocio de gran interese", continuou dicindo Manuel Dacal.
Así pois, engadiu, "estamos xa traballando neste proxecto, e a miña presencia hoxe en Madrid e en Fitur obedece máis a este obxectivo, polo que estou a manter contacto con responsables políticos e de turismo a nivel provincial e autonómico, e con persoas destacadas no mundo da gastronomía, como o carballiñés Manuel Domínguez, do restaurante Lúa, galardoado cunha estrela Michelín".
Finalmente, o concelleiro dixo que se quere buscar a excelencia na oferta turística, afirmando que a Festa do Pulpo é o pilar central para poder conseguilo paulatinamente.