Ralli de Clásicos e Media Marathón na fin de semana carballiñesa

4, Marzo 2016

O deporte acaparará a actualidade informativa esta proxima fin de semana no Carballiño. Trátase de dous eventos de gran significado, tanto pola participación como pola repercusión que terán na vila, sobre todo, no sector hostaleiro e entre as afeccións ao motor e ao atletismo.

O VIII Ralli do Lacón de Clásicos e a IV Media Maratón foron presentados hoxe no decurso dunha rolda de prensa á que asistiron o concelleiro de Deportes, José Manuel Dacal, e os responsables da Asociación de Coches Clásicos Arenteiro, José Manuel Mosquera e José Antonio González, e do Club Carballiño de Atletismo, Fernando Guerra.

Neste acto, tamén se presentou a proba da ultramaratón O Carballiño-Silleda-Santiago, que se desenvolverá o sábado 12 de marzo.

José Manuel Dacal destacou a repercusión destes eventos para a vila do Carballiño, que contan cun número considerable de participantes e seguidores e suporán un aliciente para os veciños e os visitantes durante a fin de semana.

Con respecto ao Ralli de Clásicos do Lacón, o concelleiro sinalou, como novidade, a montaxe dunha carpa na Praza do Emigrante, para que os organizadores poidan ofrecer o xantar e a cea aos conductores e copilotos participantes, mantendo así a concentración dos coches en lugares céntricos do Carballiño.

O ralli ten prevista a salida ás 10,30 h., do sábado, 5 de marzo, para iniciar un itinerario turístico-gastronómico de 280 quilómetros por diversas zonas da comarca, durante sete horas.

Así, visitarán San Amaro, Maside, O Carballiño de novo (13,30 h.), Cenlle, Ribadavia, Melón, A Cañiza, Ribadavia de novo, Leiro e remate no Carballiño.

Porche, BMW, Mini Couper, Lancia, Renault Alpine, SEAT 124 e 127 son algunhas das marcas e modelos de coches clásicos dos anos 70 e 80 que se inscribiron para correr neste ralli que, con case 70 vehículos participantes, pode considerarse como un dos de maior afluencia deste tipo en Galicia.

Así o asegurou o representante da Asociación de Coches Clásicos Arenteiro, José Antonio González, que destacou incluso a presencia dun conductor procedente de Santander, como exemplo da repercusión que acadou este ano o ralli.

O parque móbil da saída establecerase entre a rúa do Paseo e o entorno da Veracruz, mentres o da noite ubicarase no rúa Curros Enríquez. Despois do mediodía, sobre as 14,30 h., haberá un circuito de exhibición na zona do polígono industrial e Corzos.

MEDIA MARATÓN

No que respecta á Media Maratón, que se disputará o domingo, 6 de marzo, hai que subliñar que varía o recorrido das edicións anteriores, cunha parte máis urbana e outra máis natural, como é o parque municipal. Así o destacou o representante do Club de Atletismo do Carballiño, Fernando Guerra, que organiza este evento.

A participación nesta edición da proba ronda os 350 corredores e corredoras, cun circuito de 21,97 quilómetros, entre a Avda. do Balneario, Pº do Arenteiro,   Piscifactoría, Pena dos Namorados, estrada vella de Pontevedra,  Avda. do Parque, Rúa dos Carboeiros e, de novo, Avda. do Balneario.

Son tres voltas a este circuito, con saída fronte ao Auditorio Municipal, ás 10,30 h., e meta no mesmo lugar.

O tempo previsto do recorrido é de 2 horas e 15 minutos, aproximadamente.

Ao remate da proba, sobre a 1 do mediodía, entregaranse aos trofeos aos vencedores e vencedoras.

ULTRAMARATÓN O CARBALLIÑO-SILLEDA-SANTIAGO

Finalmente, Dacal e Guerra referíronse ao último dos eventos presentados hoxe, unha ultramaratón de máis de 100 quilómetros, que se desenvolverá o sábado, 12 de marzo, e que recorrerá unha boa parte do trazado da Ruta da Prata do Camiño de Santiago.

Esta proba, que non ten precedentes en Galicia, ainda que sí en León e Madrid, é unha primeira experiencia que organiza o Club de Atletismo do Carballiño, co obxectivo de que en próximas edicións poida acadar unha gran  resonancia, tanto a nivel  autonómico como nacional e incluso internacional internacional.

De feito, hai unha atleta chinesa inscrita para efectuar esta proba, así como atletas procedentes de Portugal, de As Palmas, de Madrid e de Asturias, entre outros lugares.

Por ser a primeira vez que se organiza esta ultramaratón, só se permitiu a inscrición de 65 deportistas, 25 para facer o recorrido a pé, e 40 en bicicleta de montaña. Isto débese a gran infraestrutura de persoal e medios que se precisa para o habituallamento nas diferentes etapas do camiño, que son dez. Sen embargo, en futuras edicións se irá incrementando o número de persoas inscritas. Hai tres mulleres participantes, unha de nacionalidade chinesa e dúas do Ferrol.

O recorrido total da proba serán 102 quilómetros, con saída ás 7 da mañá da Praza da Veracruz, e chegada a Santiago ás 7 da mañá do día seguinte, o 13 de marzo.

Segundo dixo Fernando Guerra, o valor engadido desta ultramaratón para O Carballiño é moi importante, xa que as persoas participantes pernoctarán en hoteis da vila a noite do venres.