"GRI Towers Galicia" promove a plantación de 800 árbores na contorna da antiga fábrica de papel
Máis de cen persoas, entre traballadores e familiares, da fábrica de torres eólicas do Carballiño “GRI Towers Galicia”, do grupo internacional de enerxías renovables, GRI Renewables Industries, participaron na plantación de 800 árbores na contorna da fábrica do papel da Lavandeira.
Bidueiros, arces, aciñeiras, alcornoques e coníferas formarán parte, dende agora, da paisaxe forestal desta contorna natural á beira do río Arenteiro, para converter as 3 hectáreas de superficie desta illa nun lugar de paseo e disfrute.
Esta iniciativa da fábrica de aeroxeradores ubicada no polígono industrial da Uceira, no Carballiño, é a primeira do grupo empresarial GRI que se pon en marcha. A compañía GRI Renewable Industries, con doce fábricas repartidas en sete países (España, Brasil, India, China, EEUU, Turquía e Sudáfrica), compensa desta maneira as emisións de CO2 pola fabricación de torres eólicas durante o ano 2014.
Así o explicou o xerente de GRI Towers Galicia, Cándido González: “por cada torre construida prantamos unha árbore. A estas 800 árbores do Carballiño, engadiranse outras 400 árbores en Madrid”. Así, 1.200 torres construidas, outras tantas árbores prantadas”. Cándido González expresou o seu orgullo por ser a primeira fábrica do grupo GRI Renewable Industries en levar a cabo esta iniciativa, contribuindo a reforestar un espazo natural de incalculable valor e beleza, como o da contorna da fábrica do papel. Por todo isto, amosou a súa satisfacción, reiterando o seu compromiso co Carballiño e co respecto medioambiental.
A este acto tamén asistiron o alcalde, Francisco Fumega; a concelleira de Medio Ambiente, Erika Paz e o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira, así como a concelleira do PP, Pilar Caride. Francisco Fumega agradeceu a deferencia de Gestamp e de GRI por ter elexido O Carballiño para emprender esta iniciativa que ía permitir recuperar unha das zonas naturais máis fermosas da ribeira do río Arenteiro no Carballiño.
Fumega loubou o compromiso de Cándido González coa vila carballiñesa e resaltou o feito de que a prantación se realizase nunha paraxe de uso público, para o disfrute dos carballiñeses e dos visitantes, na que se atopa a fábrica do papel, que é un exemplo notable da arqueloxía industrial hidráulica de Galicia, que data do ano 1838, e que se vai converter en pouco tempo no primeiro museo do papel obtido con enerxía hidráulica de Galicia e de España.
Tamén felicitou á empresa Bosques Sostenibles, polo magnífico traballo realizado para efectuar a prantación, e o labor de coordinación desenvolvido pola concelleira de Medio Ambiente, Erika Paz. Bosques Sostenibles é unha empresa especializada en actividades e proxectos medioambientais, que se ocupou da selección das árbores e toda a infraestrutura para realizar a prantación con todas as garantías de que convertan o lugar nun auténtico bosque e zona de paseo e lecer nun entorno natural excepcional, preto da fábrica do papel, da Piscifactoría, da Pena dos Namorados e do conxunto etnográfico dos muíños.
Precisamente, os técnicos desta empresa explicaron aos traballadores e familiares da empresa GRI Renewable Industries, que participaron nesta experiencia medioambiental, o xeito de realizar a plantación das árbores. Nos últimos días realizáronse labores de limpeza e preparación do terreo ao redor da fábrica do papel, de xeito que agora pode percibirse con claridade o interese deste conxunto arqueolóxico, etnográfico e natural.