Veciños de Garabás e Plataforma Masidá denuncian a obra ilegal de instalación dunha antena de telefonía

4, Abril 2016

83 veciños reuníronse na parroquia de Garabás (Maside) para opoñerse a unha antena receptora e emisora de telefonía móbil, moi próxima a vivendas habitadas.

O grupo de veciños manifestaba a súa indignación ante a actitude dos responsables municipais, tendo en conta que en 2015 unha concelleira socialista paseouse casa por casa para aglutinar firmas en contra desta instalación, e o propio alcalde de Maside, Celso Fernández, comprometeuse a impedir a instalación da antena nesta localización. O grupo veciñal manifestou sentirse traizoado pola palabra dada polo alcalde, tendo en conta que a confianza no seu compromiso impediu que se exercitasen outras accións, e o alcalde non fixo absolutamente nada para impedir a instalación desta antena.

O grupo manifestou a súa sorpresa ante as obras xa desenvolvidas pola empresa de telefonía, que non contan con ningún tipo de licenza municipal, nin exposición pública do proxecto nin prazo de alegacións.

A esta reunión asistiron representantes de Plataforma Masidá, por petición dos veciños afectados, asociación que se está opoñendo á instalación dunha incineradora de neumáticos nun monte veciñal en man común de Maside.

Desde Plataforma Masidá manifestan que a primeira medida será denunciar esta obra presuntamente ilegal, ante a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, tendo en conta que na actualidade non conta con ningún tipo de licenza municipal, e de contar con ela, omitiuse o período de exposición pública e alegacións deixando aos afectados nunha absoluta indefensión.

Desde Plataforma Masidá manifestan que resulta insultante para a poboación de Maside que o alcalde, despois de traizoar aos seus propios veciños e votantes, diga que esta obra solicitouna a Xunta de Galicia, cando é realmente Vodafone a que promove a instalación da antena de telefonía móbil. A Xunta de Galicia o que fixo foi informar a todos os concellos de Galicia xunto co Colexio de Enxeñeiros, da normativa da nova Lei Xeral de Telecomunicacións.