Fumega nega calquera "vinculación nin laboral nin económica" coa docencia, tras as explicacións solicitadas pola oposición municipal
Os portavoces dos 3 grupos políticos da oposición municipal, PP, BNG e AV, presentaran a última hora da mañá un escrito no que solicitaban que "como punto preliminar ao pleno ordinario, a comparecencia do Sr. alcalde ante a noticia publicada por La Voz de Galicia, na que se afirma que o Sr. Fumega segue mantendo unha suposta actividade como docente no país veciño de Portugal, despois de que fose a pleno, o pasado 29 de outubro de 2015, unh aproposta que lle foi denegada pola corporación", recolle o escrito asinado polos portavoces dos 3 grupos políticos.
Antes de iniciarse o pleno, tal como demandaba a oposición, o alcalde tomou a palabra para negar calquera vinculación coa universidade portuguesa na que, efectivamente, aparece aínda na actualidade na páxina WEB como membro do corpo de docente.
Fumega asegurou ao pleno que "non teño ningún tipo de relación contratual, xa non teño nin relación laboral nin económica coa universidade, sigo aparecendo na páxina WEB, no corpo de docentes e con algunhas turtorías, pero xa mandei que as retiran".
O alcalde carballiñés explicou que mantiña relación a título persoal con algunhos alumnos "mandanme algunhas cousas a ver se podo correxirllas, xente que por correo me pide consellos", pero negou taxativamente calquera vinculación contratual ou profesional coa universidade portuguesa.
No pleno do mes de Outubro de 2015, a corporación municipal rexeitara -ao sumar os grupos da oposición os seus 9 votos- a solicitude do alcalde de compatibilidade para exercer actividade privada. Francisco Fumega ten recoñecida unha dedicación exclusiva ao seu cargo de alcalde do Carballiño.