Do PSdeG sobre o mal estado da estrada en Oseira

8, Abril 2016

O deputado provincial socialista, Francisco Fraga Civeira, faise eco das queixas recollidas polo Grupo Municipal Socialista no Concello de Cea, a respecto do lamentable estado dun tramo da estrada provincial OU-0406, ao seu paso pola parroquia de Oseira. Xa no pasado mes de Novembro, os socialistas de Cea, formularon unha pregunta no Pleno Ordinario, dirixida á Alcaldía, na que se interpelaba sobre o estado das xestións realizadas perante a Deputación de Ourense a respecto do estado deste tramo.

A raíz das choivas que se produciron neste pasado inverno, o muro que estaba nas marxes da estrada, caeu enriba de dúas fincas colindantes, afectándolle ao cruce e mais ao paso e á seguridade dos usuarios/as da estrada. Tendo en conta que a estrada é de titularidade provincial, na pregunta rexistrada en acta, o Grupo Municipal Socialista no Concello de S.Cristovo de Cea, interpelou ao Alcalde para coñecer se xa se puxera en contacto coa Deputación de Ourense para que arranxasen o derrubamento do muro. Naquela ocasión, hai xa máis de catro meses, dende o goberno de Cea, respostouse que sí, que xa se fixeran as xestións convintes ante o servizo de vías e obras da Deputación provincial.

Sen embargo, pasou o tempo e o tramo segue nun estado lamentable, compromentendo a seguridade dos viandantes e dos conductores/as. Así pois, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Cea, resolveu dar traslado aos compañeiros/as do grupo provincial para que exerceran a presión necesaria para que esta situación se resolvera coa máxima premura. Por isto, o deputado provincial socialista pola comarca do Carballiño, Francisco Fraga, da traslado destas queixas á Deputación para que se axilice o arranxo desta vía provincial e se poña fin á situación de perigosidade na que se atopa. Pola súa banda, o Grupo Municipal Socialista de Cea, tamén vai rexistrar unha solicitude para reiterar que se fagan as xestións necesarias e se solucione esta situación que afecta á vida diaria dos veciños/as de Oseira e aos usuarios/as da estrada provincial.