O concello anima aos hostaleiros a modernizarse e obter a "Q" de calidade turística
As concellalías de Turismo e Promoción Económica queren promover a modernización dos establecementos hostaleiros da vila coa finalidade de que poidan obter a marca Q de Calidade Turística.
Para isto, están a difundir unha resolución da Axencia Galega de Turismo, na que se establecen as subvencións a establecementos de turismo rural, establecementos hoteleiros, apartamentos e vivendas turísticas, campamentos de turismo, axencias de viaxes, cafetarías, bares, restaurantes e empresas de servizos turísticos complementarios, nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE co obxecto da obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Esplañola (ICTE).
Para ser beneficiario destas axudas hai que estar inscrito no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia, e ser unha pequena ou mediana empresa. O prazo para a presentación de solicitudes finaliza dentro dun mes.
Dende a concellalías de Turismo e Promoción Económica, que dirixen José Manuel Dacal e Adolfo Nogueira, respectivamente, considérase que no Carballiño existen unha serie de establecementos hoteleiros, de restauración e cafetarías que poderían conseguir esta certificación de calidade turística, e por iso os animan a acometer proxectos de renovación e mellora das súas instalacións.
Para estes concelleiros o futuro do turismo no Carballiño depende en gran medida da mellora dos servizos, e para isto cómpre unha gran implicación do sector hostaleiro, de maneira que poida identificarse coa marca Q de calidade, que é a que define a excelencia turística. Agora que parece que se están movendo dun xeito moi positivo os balnearios, é o momento de que o faga tamén o sector hostaleiro, que é fundamental para potenciar o turismo.