O concello nomeará -a título póstumo- fillo adoptivo do Carballiño ao poeta Manuel María
O poeta Manuel María, autor do libro Cantigueiro de Orcellón e a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, será nomeado Fillo Adoptivo da vila do Carballiño, a título póstumo, a proposta dos catro grupos que conforman a corporación municipal do Carballiño.
Este acordo, tomado conxuntamente polos portavoces do PP, Argimiro Marnotes, do BNG, Francisco Ferreiro, de AV-SON, Bernardo García, e do propio alcalde, foi anunciado por Francisco Fumega no acto que se desenvolveu esta tarde na Casa da Cultura para presentar a reedición do Cantigueiro de Orcellón, que financiou o concello do Carballiño en colaboración coa Fundación Manuel María.
“É unha distinción que tomamos en recoñecemento e gratitude á persoa que que soubo plasmar coma ninguén, en sinxelos e fermosos poemas, o sentir dun pobo, nado da feira e caracterizado pola fonda pegada dos arrieiros, dos tratantes e dos emigrantes, que son parte esencial da nosa historia”, segundo dixo o alcalde. “Os carballiñeses sentímonos honrados e orgullosos do agarimo de Manuel María hacia O Carballiño e a comarca, e de poñerlle voz poética a moitos dos lugares máis senlleiros da vila, aos persoeiros e aos oficios tradicionais, e creo que é a mellor forma de rendirlle tributo”, manifestou Fumega.
No acto, ao que asistiron os portavoces, concelleiros e concelleiras dos grupos municipais, así como representantes dos colectivos culturáis e veciñais, e amigos persoais de Manuel María, como Xan Alfonso García e César Varela, Felipe Senén, autor dos debuxos do Cantigueiro de Orcellón, agradeceu en nome da viúva de Manuel María, Saleta Goy, que finalmente non puido acudir ao acto, a distinción anunciada polo alcalde.
Felipe Senén disculpou a súa ausencia por motivos ineludibles de última hora, concernentes á presidencia do padroado da Fundación Manuel María, que ocupa dona Saleta Goy. Disertou sobre o significado do Cantigueiro de Orcellón e a fonda relación do autor co Carballiño e as terras do antigo Orcellón. E o fixo acompañando as súas verbas coa proxección de fotografías, moitas delas inéditas, de Manuel María.
O concello editou 1.000 exemplares do Cantigueiro de Orcellón, que se distribuirán, sobre todo, entre os centros educativos e bibliotecas, co obxecto de que poidan dispor del os alumnos e alumnas, así como entre todas aquelas persoas, entidades e asociacións que teñan interese. É unha edición moi coidada e correxida, cunha nova cor da portada e contraportada, e con novos debuxos que non ían na edición orixinal de 1984.
Piden que o auditorio leve o nome de Manuel Maria
As asociacións Avantar, Andasoa e Cine-Club presentaron un escrito no rexistro municipal do concello do Carballiño no que piden que o auditorio municipal leve o nome do autor do Cantigueiro de Orcellón, ao considerar que "Manuel María elevou á literatura galega o nome do Carballiño".