Alcalde e conselleiro de Política Social analizan as necesidades do municipio e comarca
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, reuniuse co alcalde do concello de Beariz, Manuel Prado López.
Na xuntanza, que tivo lugar nas dependencias de San Caetano, conselleiro e alcalde acordaron continuar coa colaboración emprendida entre as dúas institucións que beneficia a todos os colectivos da sociedade.
Deste xeito, ambos mandatarios lembraron a importancia da continuidade do Servizo de Axuda no Fogar a dependentes, que neste 2016 presta 2.868 horas de atención das que se benefician 60 veciños e veciñas da Mancomunidade de O Carballiño.
O conselleiro salientou do mesmo xeito, o aumento dun millón de euros ao ano no SAF acordado este mércores no Consello da Xunta ata acadar o 100% da atención das actuais persoas solicitantes deste servizo, un incremento de horas do que se verán beneficiados tamén os usuarios da Mancomunidade.
En concreto, a Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social, achega preto de 55.000 euros para o desenvolvemento deste servizo no concello de Beariz. Ademais, ambos mandatarios repasaron a situación e o estado das infraestruturas sociais da comarca para maiores e infancia.