O Carballiño presenta a "Festa do Pulpo" na cidade portuguesa de Vila Nova de Gaia
O presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Gaia, Eduardo Vítor Rodríguez, propuxo un hermanamento entre a súa cidade e a vila do Carballiño.
É un ofrecemento que lle fixo ao alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, durante o acto de presentación da Festa do Pulpo nesta metrópoli da desembocadura do río Douro.
O acto desenvolveuse na capela do Espaço Corpus Christi, un antigo convento restaurado como centro cultural, de singular beleza, e a el asistiron asistiron o Vereador de Turismo, Mario Duarte, o de Cultura, e Carla Machado, en representación da presidencia da Asamblea municipal. A xerente de Turgalicia, Carmen Pita tamén estivo no acto.
E por parte da delegación carballiñesa, acudiron Xosé Manuel Dacal, Diego Fernández e Rosario González, concelleiros de Turismo, Cultura e Medio Rural, respectivamente, así como o portavoz do PP, Argimiro Marnote, a concelleira Pilar Caride, e o portavoz do BNG, Francisco Ferreiro.
Vítor Rodríguez agradeceu a deferencia das autoridades carballiñesas por terlle dedicado a 54 edición desta festa a Gaia, e avogou por promover o intercambio cultural e turístico entre ambas poblacións co obxectivo de difundir as excelencias, incluidas as gastronómicas, de cada unha entre as respectivas veciñanzas. Tamén propuxo colaborar para dar a coñecer o patrimonio histórico-artístico.
Francisco Fumega dixo que tomaba en consideración a proposta do hermanamento e amosou o seu agradecemento tanto pola boa acollida das autoridades gaianas como pola posibilidade de promover a Festa do Pulpo do Carballiño na área metropolitana máis importante de Portugal, tras Lisboa.
Fumega presentou a Festa do Pulpo como un dos maiores eventos gastronómicos e festivos de Galicia e convidou ás autoridades a acudir ao Carballiño o 14 de agosto. Asemade, o alcalde carballiñés fixo un paralelismo entre mosteiros (o de Oseira e o de Corpus Christi) para explicar como unha vila do interior de Galicia podía ter os mellores pulpeiros e pulpeiras do mundo e lle dedica unha festa declarada de interese turístico nacional a este produto do mar.
Finalmente, autoridades, convidados e xornalistas puideron degustar empanada, pulpo, pan de Cea e viño do Ribeiro no patio do convento, co acompañamento dun grupo da Escola de Gaitas do Carballiño, que tamén acudiron a Gaia para este acto de presentación e promoción da Festa do Pulpo.
As autoridades da Cámara Municipal de Gaia confirmaron a súa asistencia á Festa do Pulpo o 14 de agosto, e virán acompañados por unha agrupación musical e folclórica que fará un desfile e unha exhibición de música e baile tradicional no parque municipal do Carballiño ese mesmo domingo.