A Praza de Abastos xa ten imaxe corporativa e xunta directiva para impulsar a súa dinamización
A praza de abastos crea unha nova imaxe de marca e anuncia a celebración de sorteos para atraer a máis clientes e promover as ventas.
Estas son as principais iniciativas presentadas polo concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira, e os praceiros, co obxectivo de dinamizar esta instalación.
O novo logotipo reproduce a silueta da portada do edificio, construido na década dos anos 20 do século pasado, e intenta dar unha imaxe de modernidade a esta praza que foi remozada recentemente.
Nogueira dixo que se trataba de facer algo innovador para cambiar a concepción da praza como algo do pasado por convertela nunha instalación con futuro.
Asemade, Eligio González, en representación da xunta directiva da praza, dixo que se ian poñer en marcha iniciativas de dinamización do mercado como a realización de sorteos coa finalidade de atraer a máis clientes e promover o incremento das ventas.
Tamén dixo que estaban abertos a recibir a máis praceiros para ocupar os postos que ainda están vacantes, porque neste momento as instalacións da praza contan con todas as condicións para ser un gran mercado do sector da alimentación.
De feito, mencionou as 15 solicitudes de información recibidas no concello para poder optar a eses postos vacantes. Neste momento a praza de abastos conta con 20 postos, cuxos adxudicatarios posaron xunto o logotipo da nova marca.
Finalmente, González, agradeceu ao concello o interese amosado para dinamizar a praza e asegurou que neste momento había unha relación moi boa entre os praceiros e o concello.